Cea acolle esta fin de semana a festa de exaltación do seu pan
Cea acolle esta fin de semana a festa de exaltación do seu pan
A de Cea foi a primeira indicación xeográfica protexida de pan creada en Europa. O ano pasado venderon máis de 750.000 pezas do seu pan
Nada menos que 31 anos fai a Festa do Pan de Cea e xa unha década a súa ruta dos fornos, cada vez máis concorrida. Esta fin de semana Cea vístese de gala para acoller centos de persoas na celebración do seu produto máis emblemático. Prevén vender máis de dúas mil pezas de pan, elaboradas como marca a tradición nos fornos da aldea.
"É un orgullo, estamos dándolle valor a un produto que se leva elaborando moitos anos, e gústanos que veña a xente, que o probe, que o desfrute. Quero que a xente veña á festa para pasar un bo día e gozar", apunta Rosa de la Fuente, panadeira de Cea.
E iso que mentres outros gozan da festa nas panaderías de Cea terán que traballar arreo. Para esta fin de semana teñen que elaborar máis de 2.000 pezas do seu pan. Para cada fornada precisan arredor de sete horas de traballo totalmente artesanal.
"A elaboración, a masa léveda, o agarimo con que o fas no forno de pedra, de leña e tamén as materias primas".
Trinta e un anos leva a súa festa exaltando o seu pan e unha década a ruta dos fornos. Un percorrido gastronómico polos fornos restaurados de Cea que cada ano congrega máis visitantes.
"Veñen máis pola sona do pan de Cea e ver os fornos antigos, porque temos sete fornos restaurados e queiras ou non a xente quere ver como se traballaba hai douscentos, trescentos ou mesmo oitocentos anos", explica Carlos Rodríguez, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea.
A de Cea foi a primeira Indicación Xeográfica Protexida de pan creada en Europa. O ano pasado venderon máis de 750.000 pezas do seu pan. Un produto no que a historia e a tradición pasa de xeración en xeración e chega cada vez máis lonxe, dos Estados unidos a Alemaña ou de Italia ao Xapón.
"É unha satisfacción poder seguir ese legado que nos deixaron os nosos antepasados".
E coa mesma ilusión din preparar a festa cada ano, coa satisfacción de que a sona do seu pan non deixe de medrar.