Os depuradores chaman a "consumir do noso"
Os depuradores chaman a "consumir do noso"
AGADE confía en que a produción marisqueira se vaia recuperando
Piden máis campañas de promoción e a baixada do IVE
Nun momento en que o consumo de peixe retrocede pola inflación e os problemas de produción, AGADE pide máis campañas de promoción e rebaixar o IVE dos produtos pesqueiros.
A asociación de Depuradores de Moluscos presentou no parador de Pontevedra a súa campaña 'Consume do noso' e ofreceu unha degustación de produtos na praza de abastos.
O seu presidente, Roberto Fariña, explicou que o que se busca con esta campaña é concienciar o consumidor para que consuma produtos galegos xa que o sector ten moita importancia a nivel socioeconómico.
A pesar das dificultades dos últimos tempos, AGADE é optimista e confía en que a produción se recupere. O marisqueo empezará a traballar nalgunhas zonas da ría da Arousa a semana que vén, e dentro de dúas, na ría de Pontevedra.
Fariña dixo que o mercado é moi dinámico e que cando hai escaseza busca un substituto. Por iso se atopan moluscos de Portugal, Bulgaria ou Holanda que queren ocupar o espazo dos produtos galegos. Por iso, AGADE chama a "consumir do noso".