A Garda Civil busca dous mozos dunha banda que protagonizaron unha vintena de roubos en dúas semanas
A Garda Civil busca dous mozos dunha banda que protagonizaron unha vintena de roubos en dúas semanas
A Garda Civil busca dous mozos dunha banda que protagonizaron unha vintena de roubos en dúas semanas
Subtraeron varios coches, entre eles o do exalcalde Francisco Vázquez, para roubar en negocios de boa parte de Galicia
Todo comezou a principios de setembro co roubo de tres vehículos nun depósito xudicial de Carral e despois de cometer varios asaltos con eles, supostamente, queimaron dous na parroquia arteixá de Uxes para borrar pegadas.
Pero este era só un dos episodios que protagonizou unha banda de mozos, en quince días e por toda Galicia. En total deron unha vintena de golpes en, por exemplo, varios negocios de Ourense, nun local de Cambre, nun taller de Oza-Cesuras e nunha cristalería de Feáns.
"Aquí entraron dúas veces. Da primeira vez cun coche que parecer ser que roubaran en Betanzos. Da segunda vez, cun camión".
Un camión que, presuntamente, roubaran en Lugo. Tras percorrer máis de cen quilómetros, esnafrárono na cristalería López. Era o segundo roubo que sufrían por, presuntamente, os mesmos delincuentes.
"Da primeira vez levaron ferramentas e a caixa. Poucos cartos. Da segunda, non levaron nada".
A Garda Civil logrou dar con eles despois de subtraer dun taller de Sada tres vehículos: un Megane e un Citroën que abandonaron a menos de medio quilómetro de distancia. Tamén un Mercedes, propiedade de Francisco Vázquez, o que fora alcalde da Coruña durante 23 anos, que o tiña alí para unha revisión.
Cando ían a bordo dese coche, pararon a botar combustible nunha gasolineira da comarca de Sarria, facendo sospeitar á empregada, que foi quen chamou á Garda Civil. Pouco despois, unha patrulla deulles o alto, este venres á noite, na estrada que vai de Ordes a Sigüeiro.
Os catro mozos, de entre 15 e 20 anos de idade, conseguiron fuxir. Dous deles non chegaron moi lonxe xa que foron detidos polos axentes. Un, menor, que xa regresou ao centro de tutela autonómica. O outro, maior de idade que, tras pasar a disposición xudicial en Ordes, quedou en liberdade con cargos acusado dun delito de roubo continuado.
A operación segue aberta e non se desbotan novas detencións.