A fibra óptica debe chegar ao 100 % da poboación e do territorio en 2025
A fibra óptica debe chegar ao 100 % da poboación e do territorio en 2025
Unha conexión ultrarrápida e segura á disposición dos habitantes e das empresas das zonas rurais é o obxectivo do Plan Único Banda Ancha que está a piques de executar a segunda fase
Son os obxectivos que marca a Axenda Dixital Europea: que antes de finais de 2025 a fibra chegue ao 100 % da poboación e o 100 % do territorio. Para logralo establece un plan único en que teñen prioridade os lugares que aínda non teñen Internet ou que teñen unha velocidade inferior a 10 megas.
Na medida do posible utilízanse os postes da rede telefónica ou eléctrica xa existentes e unha vez está o núcleo instálase unha caixa neutra cada 200 ou 250 metros, á que os veciños se poden conectar a través de diferentes operadoras.
"Queremos pedir a colaboración de todos os veciños, porque para chegar a todos ás veces temos que usar postes ou fachadas que son particulares", dixo Óscar Barreiro, director de Operacións e Mantemento de Rede Aberta.
Cando preguntamos, a maioría dos veciños responde cun "xa era hora". Esperanza, por exemplo, desde o seu estanco ultramarinos, explica que todos os pedidos do seu negocio se fan por Internet, e que nas zonas rurais os veciños e veciñas deben ter o mesmo dereito ca os das zonas urbanas a poder traballar.
Para calquera trámite coa administración, para o acceso á cultura e o entretemento... os do rural explican que a Internet de velocidade alta non é ningún luxo; é un servizo que tras a pandemia a UE declarou esencial e que é imprescindible para o reto demográfico.
Para habitar de xeito racional o territorio e evitar o despoboamento, engaden na empresa Airas Muniz que fabrica queixos en Chantada, e onde ata hai pouco a súa conexión ADSL, quedaba horas "procesando"
"Agora queres facer un albará e falo ao momento. Antes era unha tortura. Moita xente non imaxina que no século XXI e coa velocidade que temos nos móbiles haxa zonas onde as cousas funcionan así. Pero ter un bo servizo de Internet é imprescindible para poder emprender e aproveitar as oportunidades do rural", declarou Ana Vázquez, unha das fundadoras.
A finais de 2025 a alta velocidade dos datos debe ser, por fin, accesible para todos.