A fiscal de Madrid confirma que o fiscal xeral ordenou a nota sobre a parella de Ayuso
A fiscal de Madrid confirma que o fiscal xeral ordenou a nota sobre a parella de Ayuso
A fiscal superior de Madrid, Almudena Lastra, declara que o fiscal xeral, Alvaro García Ortiz, foi o que lle deu a orde para publicar datos reservados sobre o mozo da presidenta da comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso. Lastra asegura que lle deu a orde por WhatsApp.
Deste xeito, Lastra ratificou que a responsabilidade da difusión dese comunicado de prensa foi do fiscal xeral, algo que el mesmo asumiu nun escrito remitido ao tribunal.
Fíxoo na súa citación como testemuña ante o xuíz Francisco José Goyena, que investiga a querela presentada por González Amador contra a fiscal xefa provincial de Madrid, Pilar Rodríguez, e o fiscal Julián Salto por presuntos delitos de revelación de segredos e contra a intimidade.
A querela responde á publicación dunha nota de prensa que trataba de aclarar algúns extremos da causa aberta por supostos delitos fiscais contra este empresario e da súa proposta ao Ministerio Público de chegar a un acordo para reducir a súa eventual condena.
Ante informacións que apuntaban a que o pacto ofrecérano os fiscais e non o empresario, a Fiscalía de Madrid emitiu un comunicado con "aclaracións" sobre o caso. Foi entón cando González Amador decidiu querelarse contra os fiscais por presunta revelación de segredos, que agora investiga o TSXM.
O pasado luns, García Ortiz presentou un escrito ante o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSXM) no que asumía a responsabilidade "última" da nota de prensa e pediu por iso elevar a causa ao Supremo, xa que é aforado. Segundo manifestou, ese comunicado non se publicou sen a súa previa autorización e instrucións "expresas e directas".
Xa asumira de forma pública a responsabilidade sobre a nota nun acto institucional celebrado na sede da Fiscalía o pasado 15 de abril.