Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Fiscalía investiga a difusión de imaxes de menores espidas creadas con intelixencia artificial

A Fiscalía investiga a difusión de imaxes de menores espidas creadas con intelixencia artificial

Hai unhas 30 mozas de Almendralexo afectadas, e a policía xa identificou varios autores

G24.gal 19/09/2023 14:30

Non se fala doutra cousa nesta localidade estremeña de 30.000 habitantes. As imaxes de máis de 30 menores foron manipuladas cunha aplicación de intelixencia artificial para simular que estaban espidas. 

"Antes de fixarme ben na foto pensaba que era ela espida, o primeiro que me veu á cabeza 'que ficheches?'", conta unha nai. E outra corrobora: "Ves á túa filla chorando porque parece tan real... mesmo eu tiven que mirala dúas veces".

As vítimas son adolescentes de entre 11 e 17 anos de varios centros educativos de Almendralexo. A unha mesmo a extorsionaron a cambio de evitar a difusión das imaxes. 

"Un dos mozos ponse en contacto con ela pedíndolle cartos, a miña filla négase e el mándalle a fotomontaxe". As menores están moi afectadas: "Hai nenas con crises de ansiedade, pasándoo fatal, e a algunhas extorsionáronas coas fotografías".

Polo momento hai once denuncias presentadas. A policía xa identificou varios menores implicados e o caso está en mans da Fiscalía. Os autores poderían enfrontarse ata a nove anos de cárcere por pornografía infantil.

Difundir ese contido tamén está penado, como lembra o alcalde de Almendralexo. "Este tipo de cousas non son gratis, o que se pode formular como unha broma ten moita máis transcendencia".

A presidenta de Estremadura cualifica de "repugnante" este suceso, e advirte do aumento da violencia contra as mulleres no ámbito dixital. Tamén os expertos piden que se lexisle para evitar un mal uso da intelixencia artificial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade