A fiscalía pide 15 anos para o Chicle pola presunta violación á cuñada
A fiscalía pide 15 anos para o Chicle pola presunta violación á cuñada
O Chicle volve ao banco
O xuízo comeza o martes 22 na Audiencia da Coruña
O martes 22 de novembro, José Enrique Abuín volverá ser xulgado, esta vez na Audiencia da Coruña, pola presunta violación á que fora a súa cuñada, cando aínda era menor de idade, unha causa pola que xa estivera en prisión no 2005.
Daquela o caso fora sobresido e arquivado e o Chicle quedara en liberdade. O informe favorable dos psicólogos que o examinaron e o describiron como un home afable e comunicativo que parecía máis vítima que agresor, foi decisivo na decisión xudicial.
Trece anos despois o caso reabriuse a consecuencia da súa detección polo intento de agresión a unha rapaza de Boiro e polo asasinato de Diana Quer. Dende entón cumpre prisión permanente revisable. Agora volve ao banco para dar conta do que sucedeu no ano 2005 cando a súa cuñada o denunciou porque presuntamente a violou e a ameazou cun coitelo e con matar a súa irmá se contaba o sucedido.
A vítima tiña daquela 17 anos. A fiscalía pide agora unha pena máxima de 15 anos de cárcere por un delito de agresión con acceso carnal por vía vaxinal con agravantes de parentesco e uso de arma branca, unha condena que agora pode ser menor coa aplicación da Lei de garantía integral de liberdade sexual.
"Podería beneficiarse porque o grao mínimo da pena, ou sexa, a extensión mínima da pena baixa dous anos e medio. Entón pasamos entre trece anos e medio e quince que había antes da reforma a entre once anos e quince que hai agora", explica Mª del Carmen González Ferro, vicedecana do Colexio de Avogacía de Santiago de Compostela.
No caso de que sexa novamente condenado, a pena que lle impoñan terá que sumarse á prisión permanente revisable.
"Se o condenan no segundo xuízo, habería que facer o que lle chaman dende o punto de vista técnico unha refundición das penas e no seu momento calcular cal sería o tempo máximo de cumprimento dos dous delitos, no suposto de que no segundo haxa tamén unha sentenza condenatoria. É o tecnicamente se chama refundición das penas", apunta Evaristo Nogueira, avogado.