A Fiscalía recorrerá ante o Supremo a rebaixa de condena a un membro de La Manada
A Fiscalía recorrerá ante o Supremo a rebaixa de condena a un membro de La Manada
A avogada da vítima tamén recorrerá ante o Supremo, xa que o TSX de Navarra non tivo en conta a gravidade dos feitos cometidos
A Fiscalía de Navarra anunciou formalmente a súa decisión de recorrer ante o Tribunal Supremo a resolución que rebaixou un ano (de 15 anos a 14) a pena de prisión a un dos cinco condenados de La Manada pola violación grupal dunha moza madrileña no San Fermín de 2016. En concreto, rebaixou a condena a Ángel Bouza en aplicación da Lei de garantía integral da liberdade sexual.
No decreto no que unificou criterios de actuación respecto á aplicación desta norma, coñecida como lei do 'só si é si', a Fiscalía Xeral do Estado avogou por manter as condenas por delitos sexuais se estas estaban comprendidas na nova pinza de penas establecidas pola lei.
Tamén a avogada da vítima, Teresa Hermida, anunciou a súa intención de recorrer ante o Supremo para conseguir revogar a rebaixa da condena, ao entender que o TSX non tivo en conta a gravidade dos feitos cometidos.
Precisamente este foi un dos argumentos que esgrimiu a maxistrada do tribunal que discrepou dos seus compañeiros e, nun voto particular, defendeu que se debeu manter a condena de 15 anos de cárcere que impuxo o Supremo.