Publicador de contidos
Publicador de contidos

A fiscalía solicita penas de quince e nove anos de cárcere para os dous principais implicados na suposta estafa das máscaras

A fiscalía solicita penas de quince e nove anos de cárcere para os dous principais implicados na suposta estafa das máscaras

O ministerio fiscal solicita que ambos investigados afronten unha responsabilidade civil que supera os seis millóns de euros

G24.gal 19/05/2023 17:57

A Fiscalía solicita unha condena de quince anos de prisión para o empresario Alberto Luceño e outra de nove anos de cárcere para o aristócrata Luis Medina polo coñecido como caso máscaras, unha suposta estafa ao Concello de Madrid na venda de material sanitario en plena pandemia de COVID-19.

O fiscal Luis Rodríguez Sol presentou xa o seu escrito en que acusa a Luceño dos delitos de estafa agravada, falsidade en documento mercantil e oficial e outro agravado contra Facenda.

Ao fillo do duque de Feria e Naty Abascal, Luis Medina, considérao coautor de estafa e falsidade en documento mercantil por esta operación de compravenda de material sanitario en que, segundo a investigación, percibiron máis de 6 millóns de dólares en comisións.

Seis millóns de multa

No seu escrito, ademais da pena de cárcere, Anticorrupción pide para Luceño unha multa total de 5,6 millóns de euros, mentres que para Medina solicita 450.000 euros.

Tamén reclama que indemnicen conxunta e solidariamente a Empresa Municipal de Servizos Funerarios de Madrid, que foi a que formalizou a compra, cun total de 7,8 millóns de euros, cantidade correspondente ás comisións que gañaron e ao sobreprezo que pagou o Concello, entre outros conceptos.

No caso de Luceño, a Fiscalía tamén quere que aboe 1,3 millóns de euros á Facenda se o tribunal considera que debeu tributar polas comisións que obtivo. O Concello de Madrid, acusación no procedemento, solicita á súa vez no seu escrito que Luceño sexa condenado a 11 anos de cárcere e a unha multa de 600.000 euros, mentres que para Medina pide 9 anos e 450.000 euros, así como que ambos indemnicen conxuntamente a Empresa de Servizos Funerarios con 7,9 millóns de euros.

A acusación impútalle a Luceño de delito continuado de estafa agravada, falsidade en documento mercantil e oficial, e a Medina dos dous primeiros. Os feitos remóntanse a marzo de 2020, "nunha situación de rápida evolución da pandemia" de COVID-19 e "de extrema necesidade e carencia de materiais sanitarios".

Segundo o fiscal, Luceño aproveitou que coñecía un empresario en Malaisia que podía fornecer eses produtos e acudiu a Medina "para que este, dado que era unha persoa coñecida na vida social española, buscase e facilitáselle o contacto con posibles institucións públicas".

Medina, a través dunha amiga común, "conseguiu contactar cun familiar do alcalde de Madrid", que lle proporcionou unha dirección de correo do Concello "á que podía dirixir a súa oferta". O fiscal subliña a "intención" de ambos de "enriquecerse esaxeradamente" á conta da situación de necesidade mediante a venda de produtos a "un prezo moi superior ao que lles era ofrecido polos subministradores".

Elevadas comisións

 Os contratos negociáronse entre Luceño e Elena Collado, coordinadora xeral de Orzamentos e Recursos Humanos do Concello. O primeiro impuxo unhas cantidades ao consistorio e ocultou "que unha elevada porcentaxe" (o 60 por cento no caso das máscaras, o 81 no das luvas e case o 71 no dos tests) "correspondía a comisións" para el e Medina.

Foron tres os contratos que asinou o Concello: un millón de máscaras por 6,6 millóns de dólares; dous millóns e medio de pares de luvas por 5 millóns de dólares e 250.000 tests por 4,2 millóns.

Tras devolver parte das luvas porque non eran as acordadas, o consistorio pagou 11,9 dólares dos que, segundo o fiscal, Luceño percibiu unha comisión de 5,1 millóns de dólares e Medina de 1, a pesar de que o primeiro prometeu ao segundo que cobrarían o mesmo.

O fiscal relata como inflaron os prezos en artigos que ás veces non eran da calidade esixida. No caso das máscaras, apunta, levaron como beneficio neto da operación 4.000.000 de dólares, "o 148 por cento do prezo real do produto".
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade