A flavescencia dourada da vide xa está presente en Galicia
A flavescencia dourada da vide xa está presente en Galicia
Nos viñedos aumentan a vixilancia para controlar esta praga
Flavescencia dourada da vide é o nome dunha praga menos coñecida en Galicia que afecta os viñedos. Polo momento detectouse en oito concellos da provincia de Pontevedra e outro de Ourense, todos próximos a Portugal, onde xa foi localizada en varias ocasións.
Francisco Javier Martínez Gómez, encargado de campo das adegas Marqués de Vizhoja, explica as características para saber se temos flavescencia dourada na vide: "Falta de brotación, nas nosas variedades brancas as follas serían amarelas, tería problemas de maduración e a planta vai secando."
Dende a Consellería do Medio Rural xa se están a tomar medidas para tratar de frear o avance desta praga que pode causar importantes danos nos viñedos.
"Habendo unha planta enferma no campo, o mosquito pica e inxire esa pseudobacteria e propágaa polo resto do viñedo. Van colocar 150 trampas na zona próxima ao río Miño. En Arbo hai unha pequena parcela afectada, dúas en Crecente, outra nas Neves pero en Marqués de Vizhoja, que lindamos con Portugal, non temos nada", relata Francisco Javier Martínez Gómez.
As plantas que se confirme que están infestadas teñen que ser arrincadas e destruídas baixo control oficial, e no caso de atopar insectos adultos transmisores deberase aplicar o tratamento insecticida autorizado.