A fundación Meniños fai 25 anos a prol da protección integral da infancia
A fundación Meniños fai 25 anos a prol da protección integral da infancia
A entidade interveu con case 9.000 nenos e nenas vulnerables de máis de 6.500 familias
Máis de 120.000 pequenos e 8.000 docentes participaron nos seus programas
Meniños traballa cada ano con 1.000 nenos e nenas en risco de desprotección, aproximadamente a metade dos que precisan atención por este motivo en Galicia. Nos seus 25 anos de historia xa interviñeron con máis de 6.000 familias. Son, polo tanto, voz autorizada para facer unha análise da situación actual da infancia.
"Indubidablemente, a infancia está hoxe mellor que fai 25 anos, pero é verdade que iamos fai uns anos avanzando moi ben cara a unha intervención máis preventiva e as sucesivas crises fixéronnos retrotraernos no tempo; así que nos últimos anos houbo outra vez unha gran dedicación a resolver urxencias", explica a directora da fundación, Mónica Permuy.
Urxencias en casos de violencia intrafamiliar, abusos sexuais ou outro tipo de problemas graves que requiren intervención especializada e inmediata, onde as cousas tamén cambiaron profundamente.
"Fai 25 anos era unha intervención asistencial, agora as cousas cambiaron profundamente e a intervención é transformadora, non asistencialista; a nosa principal función é capacitar e empoderar as familias".
Un cambio que dá froitos, porque no 84% dos casos hai posibilidades de recuperación. Con todo, inciden en que a clave está na prevención.
"A nosa función non é poñer parches e reparar, senón anticiparnos aos problemas", di Permuy.
Anticípanse no ámbito educativo, con programas de educación emocional e afectiva en que xa participaron máis de 120.000 nenos e nenas e arredor de 8.000 docentes.