Publicador de contidos
Publicador de contidos

Samuel Kwesi ratifica a súa versión do naufraxio do Villa de Pitanxo ante a Garda Civil

Samuel Kwesi ratifica a súa versión do naufraxio do Villa de Pitanxo ante a Garda Civil

A versión do mariñeiro ghanés difire da que ofreceron o patrón e o seu sobriño

G24.gal 21/04/2022 14:25

Un dos tres sobreviventes do naufraxio do Villa de Pitanxo, o mariñeiro ghanés Samuel Kwesi, ratificou este xoves ante a Garda Civil a súa versión sobre o ocorrido nesta catástrofe marítima.

O seu relato difire do ofrecido polo patrón do buque, Juan Padín, e polo seu sobriño, Eduardo Rial, que tamén sobreviviron ao afundimento.

 Samuel Kwesi acudiu á comandancia de Pontevedra para concretar certos aspectos da súa declaración e resolver as dúbidas que xeran as diferentes versións do suceso.

O sobrevivente relatou de novo aos axentes como ocorreu o naufraxio, como actuou o patrón ou que pasou durante os días que pasaron no barco Praia Menduíña 2, a embarcación que os rescatou e os levou a terra.

Nun primeiro momento, cando declarou ante as autoridades canadenses, o seu relato apoiara a versión achegada polo patrón e a armadora do pesqueiro galego, pero días despois transcendeu que cambiara o seu testemuño, denunciando presións para non contradicir os seus compañeiros.

Juan Padín, o patrón do Villa de Pitanxo, sostén que o motor do buque parou ás catro da  noite e que as condicións meteorolóxicas existentes provocaron a sucesiva entrada de auga pola aleta de babor ocasionando unha cada vez maior escora. Foi entón, segundo o seu testemuño, cando deu á tripulación a orde para que puxesen o traxe térmico de supervivencia, o chaleco salvavidas e abandonasen o buque, tras o cal, ás 4.24 horas da madrugada, fixo a chamada de emerxencia.

Pero Samuel Kwesi, cando declarou ante a Garda Civil por primeira vez, xa ofreceu un relato diferente, asegurando que o motor non  parou senón que as máquinas que recollen o aparello deixaron de funcionar ben, tensando pero non recollendo e provocando a escora.

Explicou que o resto da tripulación esixiu a berros ao patrón que soltase os aparellos, pero este negouse e, xa co buque moi ladeado, parou o motor. Tamén dixo que o patrón en ningún momento deu orde de poñer os traxes de supervivencia, aínda que el e o seu sobriño si os levaban cando foron rescatados en augas de Terra Nova. Tanto a Garda Civil como a Fiscalía dan credibilidade a este último testemuño.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade