Seis detidos por estafar 125.000 euros con supostos produtos curativos
Seis detidos por estafar 125.000 euros con supostos produtos curativos
A maioría das vítimas eran persoas de avanzada idade, con dificultades cognitivas e que vivían soas
A Garda Civil de Arteixo detivo a seis responsables de empresas dedicadas á venda de artigos a domicilio con sede en Sada, Culleredo e Pontevedra, como presuntos autores dun delito de estafa continuada.
Os feitos ocorreron por mor da investigación iniciada no ano 2020, tras ter coñecemento a compoñentes da área de Investigación da mencionada unidade dunha posible estafa mediante a venda de produtos a domicilio (colchóns, libros, electrodomésticos, enciclopedias, produtos de saúde, entre outros), a prezos desorbitados ou garantindo propiedades curativas máis que cuestionables.
No transcurso da investigación os efectivos pescudaron que estas empresas aproveitaban a vulnerabilidade das vítimas para enganalas na contía dos artigos, os pagos en man ou en conta e a duración dos financiamentos, obtendo moitas veces a firmas para os financiamentos mediante a presentación dun falso albará de recepción de agasallos sen custo por ser bos clientes.
Como froito do traballo de campo realizado, compoñentes a área de Investigación lograron a identificación plena dos presuntos autores e esclarecemento de 12 estafas.
A Garda Civil procedeu á detención destas 6 persoas como presuntos autores dun delito de estafa continuada.
O Xulgado de Instrución Nº 6 da Coruña leva o caso.