A Garda Civil incáutase de 800 quilos de mexilla en Fisterra
A Garda Civil incáutase de 800 quilos de mexilla en Fisterra
Dous barcos, denunciados por eludir o punto de control establecido para a descarga da cría de mexillón e por vender produtos pesqueiros fóra das canles legais
O Servizo Marítimo Provincial da Garda Civil da Coruña e o Servizo de Gardacostas da Xunta aprehenderon 800 quilos de mexilla en Fisterra.
Os feitos sucederon cando os axentes viron como dous pesqueiros entraban na rampla do porto de Sardiñeiro, en Fisterra, e descargaban 40 sacos de mexilla cun peso conxunto de 800 quilos, para introducilos no interior dun vehículo que agardaba no lugar.
Acto seguido, os pesqueiros retomaron a navegación cara ao porto de Fisterra e o vehículo iniciou a marcha en dirección a Corcubión.
Detiveron o vehículo e despois de verificar que a mexilla non tiña documentación, procederon a levantar acta por supostas infraccións á Lei 11/2008 de Pesca de Galicia, por transportar produtos da pesca sen a documentación regulamentaria e por adquirilos fóra das canles legais de comercialización.
Os pesqueiros, un con base en Fisterra e o outro en Cee, polo acordo coa Confraría de Fisterra teñen a obrigación de descargar a mexilla na rampla máis próxima á lonxa fisterrá, e comercializala a través desa lonxa.
Os dous barcos son denunciados por eludir o punto de control establecido para a descarga da cría de mexillón e por vender produtos pesqueiros fóra das canles legais de comercialización.
O importe da venda da mexilla, efectuada na lonxa de Fisterra por 3.200 euros, quedou retida a favor da Consellería do Mar, a cuxa Xefatura Territorial na Coruña se remiten as actas polas infraccións denunciadas.