A Garda Civil investiga as causas do triplo accidente mortal do Bierzo
A Garda Civil investiga as causas do triplo accidente mortal do Bierzo
Conmoción en Bergantiños, de onde eran dous dos falecidos
O mozo ferido no sinistro está moi grave na UCI do hospital de León
As parroquias de Entrecruces, en Carballo, e Erbecedo, en Coristanco, continúan consternadas pola perda de dous veciños de 43 e 49 anos no accidente de tráfico do Bierzo.
Pesar que comparten na empresa de pinturas do polígono carballés de Bértoa para a que traballaban xunto á outra vítima mortal do sinistro, un varón de 29 anos e orixe suramericana que recolleran no Barco de Valdeorras. Aínda non se practicaron as autopsias, polo que o traslado dos corpos a Galicia está pendente.
O cuarto ocupante do vehículo, un mozo de 19 anos que tamén subiu no Barco, está ingresado, moi grave pero estable, na UCI do hospital de León.
Mentres, a Garda Civil de Ponferrada traballa na elaboración do atestado do sinistro, que se rexistrou na mañá deste luns na A-6, á altura do concello leonés de Carracedelo. A furgoneta pick up en que ían os catro homes chocou de fronte cun camión. O accidente ocorreu cando se desprazaban para encargarse dun proxecto.