Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Garda Civil reforza os controis fronteirizos pola Xornada da Xuventude en Portugal

A Garda Civil reforza os controis fronteirizos pola Xornada da Xuventude en Portugal

Ademais participa no dispositivo de seguridade do santuario de Fátima, onde estará o papa Francisco este sábado

G24.gal 30/07/2023 11:06

A Garda Civil, que participa no dispositivo de seguridade co gallo da Xornada Mundial da Xuventude que se celebra en Lisboa e Fátima entre o martes e o domingo, aumentou tamén a súa vixilancia fronteiriza nas provincias limítrofes con Portugal e Francia.

A colaboración española na despregadura policial que lidera a Garda Nacional Republicana lusa axudará a garantir a seguridade viaria e o control do tránsito, asegura a benemérita.

En concreto, desde o 25 de xullo establecéronse controis móbiles mixtos e patrullas marítimas nos ríos Guadiana e Miño, entre outras medidas de vixilancia, engaden fontes do instituto armado.

España tamén colabora con Portugal na obtención de información previa sobre o desprazamento de convois de vehículos, trens e autobuses para particulares e grupos organizados, ao ser país de tránsito de milleiros de persoas que chegan, sobre todo, de Europa e América do Sur.

Dispositivo de seguridade

Ademais, a Garda Civil participa (con patrullas mixtas, escuadrón de cabalería, equipos dron-antidron, TEDAX e de subsolo, PEGASO e a Oficina Móbil de Atención ao Peregrino) no reforzo do dispositivo de seguridade no santuario de Fátima, onde estará o papa Francisco este sábado.

Agárdase a participación de máis dun millón e medio de persoas, cunha presenza destacada de mocidade española.

O instituto armado xa formou parte os pasados 12 e 13 de maio do reforzo do dispositivo portugués para unha peregrinación segura ao santuario de Fátima, cunha afluencia estimada duns 300.000 asistentes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade