A granxa mixta Xan das Bouzas suma uns 700 animais, entre vacas, bestas, ovellas e cabras
A granxa mixta Xan das Bouzas suma uns 700 animais, entre vacas, bestas, ovellas e cabras
Con sede en Mondoñedo, ten unhas 200 hectáreas entre cinco concellos de dúas comarcas
Entre os seus retos figuran recuperar terreos con maleza e previr ataques de lobos e voitres
Cunha superficie dunhas 200 hectáreas repartidas entre cinco concellos de dúas comarcas, Xan das Bouzas é unha das ganderías máis versátiles do país. Ten unhas 300 cabezas de gando cabalar, outras 300 de vacún de carne e de leite e preto dun cento de cabras e ovellas.
Nesta explotación granxa hai un pouco de todo. Debido á pendente dos terreos, a maior parte non valen para ser traballados con tractores, polo que o pastoreo é a base desta explotación gandeira.
Alba Recalde, gandeira: "O que non come un, cómeo o outro. Así é como lles imos sacando algo de proveito a sitios por onde non pasa o tractor".
Moisés García, gandeiro: "Hai zonas onde non entra a maquinaria e nin os animais dan entrado xa, coa maleza que hai. Solicitamos queimas controladas e parece que non nolas queren aprobar. Está iso parado".
Ademais de recuperar o terreo gañado pola maleza, outro dos retos desta explotación mixta é evitar os ataques da fauna silvestre. A pesar dos pastores eléctricos dos peches e dos mastíns para defender o gando, preto da metade das baixas son causadas polo lobo.
Alba Recalde, gandeira: "Facemos peches, poñemos pastores eléctricos, facemos peches de malla con fío de pastor, e aínda así temos ataques".
Moisés García, gandeiro: "Está pasando o dos voitres, tamén. O outro día tiña unha vaca de parto, sacámoslla, e nun momento xa comeran a vaca por detrás. E igual había 200 voitres".
Agora, esta explotación mindoniense, que se estende por Lourenzá, Riotorto, Trabada e mesmo polo concello chairego de Abadín, dálles traballo directo a catro persoas a tempo completo.