A hipótese da orixe fortuíta cobra forza na investigación do incendio de Vigo
A hipótese da orixe fortuíta cobra forza na investigación do incendio de Vigo
Os axentes non atoparon acelerantes do lume nin focos noutros pisos
A Sociedade Xitana Española cre que foi intencionado e vai pedir cadea perpetua
As policías científica e xudicial seguían este xoves recollendo indicios para reconstruír a orixe do incendio do número 6 da rúa Afonso X de Vigo.
De momento, só confirman que o lume se orixinou no cadro de luces do portal, un sistema eléctrico manipulado polos propios moradores e que no pasado xa dera algún susto. A presenza no vestíbulo dunha moto e doutros aparellos puido acelerar a propagación das lapas.
A versión da orixe fortuíta cobra forza, a pesar do que sosteñen algúns dos veciños que este xoves se concentraron ás portas do hospital de POVISA. Apuntan a un antigo inquilino que tería prometido vinganza tras ser expulsado do inmoble.
A Sociedade Xitana Española vaise presentar no caso. O seu presidente, Sinaí Giménez, desvelou: "Imos pedir cadea perpetua revisable para os supostos autores. Temos probas e testemuñas presenciais que dixeron que viron saír un grupo de persoas con garrafas de gasolina".
Pero segundo fontes policiais citadas por algúns medios, non se atoparon acelerantes do lume nin rastros de lapas nos pisos superiores, e nin as cámaras de vixilancia da zona nin as testemuñas a que se tomou declaración advertiron presenzas sospeitosas esa madrugada.
Polo momento, non hai ditada ningunha orde de busca ou detención.