Publicador de contidos
Publicador de contidos

A India lanza a súa primeira misión espacial para estudar o Sol

A India lanza a súa primeira misión espacial para estudar o Sol

A nave Aditiya-L1 viaxará durante catro meses  ata o punto Lagrange 1, desde onde observará e analizará o Sol

Sucede días despois de alcanzar con éxito o polo sur da Lúa

Engalaxe da nave Aditiya L1 desde o cosmódromo de Sriharikota, A India Engalaxe da nave Aditiya L1 desde o cosmódromo de Sriharikota, A India
G24.gal 02/09/2023 12:56

A India anota un novo éxito na carreira espacial, apenas dez días despois de facer historia por ser o primeiro país en aluar unha sonda, a Chgandrayaan-3, no polo sur da Lúa.

Este sábado lanzou a súa primeira misión espacial destinada ao estudo do Sol, un lanzamento que supón un novo logro para o programa espacial do país asiático.

A sonda Aditya-L1 (Sol, en sánscrito) co foguete Polar Satellite Launch Vehicle (PSLV) engalou ás 11:50 horas (6:20 hora GMT) desde o centro de Sriharikota no estado suroriental de Andhra Pradesh, segundo mostrou en directo durante a conta atrás a Organización de Investigación Espacial da India (ISRO).

"Felicidades, Aditya-L1 foi inxectado nunha órbita elíptica,  que é o que pretendía con moita precisión o PSLV", dixo o xefe do ISRO, Sreedhara Panicker Somanath, desde o centro de control tras confirmarse o éxito.

"A partir de agora Aditya-L1 emprenderá a súa viaxe, despois dalgunhas manobras en terra iniciará o seu percorrido ata o punto L1, unha viaxe moi longa de case 125 días", agregou.

A sonda orbitará a Terra durante dezaseis días, que empregará para gañar velocidade progresivamente, antes de dirixirse cara ao seu destino final: o primeiro punto Lagrange (L1), un lugar entre o Sol e a Terra separado por 1,5 millóns de quilómetros do noso planeta.

A misión tardará uns catro meses en alcanzar ese punto, que apenas supón un 1 % da distancia que separa ambos os corpos celestes, e que destaca por ser gravitacionalmente estable, xa que a atracción do Sol e a Terra se atopa en equilibrio, o que facilita a observación continuada da estrela sen verse afectada por eclipses ou ocultacións.

A Axencia Espacial India, ISRO, di que o orbitador leva sete instrumentos científicos que observarán e estudarán a coroa solar (a capa máis externa); a fotosfera (a superficie do Sol ou a parte que vemos desde a Terra) e a cromosfera (unha fina capa de plasma que se atopa entre a fotosfera e a coroa).

Estas ferramentas teñen o obxectivo de obter información que axude a comprender as actividades do sol, como o vento solar e as erupcións solares, e o seu efecto na Terra e o clima próximo ao espazo en tempo real.

O orzamento ascende a uns 4.000 millóns de rupias, equivalentes a máis de 48 millóns de dólares.

Con esta misión, a India únese a un selecto grupo de países que enviaron sondas para estudar o Sol, entre eles a China, os Estados Unidos, o Xapón, ou a extinta Alemaña Occidental, en colaboración coa NASA, ademais da Axencia Espacial Europea (ESA).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade