Publicador de contidos
Publicador de contidos

O 3º concerto experimental de Sensoxenoma recollerá bágoas e rexistrará os arrepíos do público

O 3º concerto experimental de Sensoxenoma recollerá bágoas e rexistrará os arrepíos do público

O proxecto, que lideran os doutores Martinón e Salas, quere atopar xenes que poidan servir de diana terapéutica para enfermidades como o alzhéimer, a demencia ou o dano cerebral

G24.gal 05/09/2024 14:52

Tras o primeiro concerto, en 2022, científicos do IDIS liderados polos doutores Martinón e Salas demostraron que a música deixa pegada en máis de 1.000 xenes e que esta pegada é máis intensa nas persoas que teñen estas patoloxías.

Co segundo recital, o ano pasado, reconfirmaron estas hipóteses con mostras en saliva e viron tamén que a música impacta en xenes relacionados co noso sistema inmune. 

Agora chega o terceiro, o día 27 de setembro as sete da tarde no Auditorio de Galicia, e con novos retos porque engaden novos elementos de análise, como o ritmo cardíaco e a presión arterial.

 "Este ano temos outras dúas novidades moi interesantes. Unha é que cada persoa do público vai ter nas súas mans un sensor para recoller durante todo o concerto o seu ritmo cardíaco e a actividade electrodérmica, como os arrepíos. E tamén se van tomar mostras das bágoas", relatou, Laura Navarro, coordinadora do proxecto.

 "Que ninguén se asuste, non fai falla chorar. É unha toma moi pouco invasiva, cun test que se usa de xeito rutineiro na práctica clínica", explicaba Antonio Salas, un dos investigadores principais de Sensoxenoma.

É unha tira cómoda e imperceptible para indagar na información molecular das bágoas, como xa fixeron co sangue e a saliva, onde atoparon sinais esperanzadores.

 "Este proxecto é a primeira vez no mundo que estuda o impacto da música nos xenes e semella  que a música trata de devolver o cerebro dunha persoa con deterioración cognitiva a unha situación de saúde", declarou Federico Martinón.

Isto obsérvase nos xenes que, tras o concerto, se expresan en sentido contrario ao que o fai a enfermidade. A idea deste experimento a longo prazo é iluminar os mecanismos moleculares que poden ser beneficiosos para tratar enfermidades como o alzhéimer.

Nas conclusións do ano pasado, vese que a música ten un efecto activador en elementos relacionados coa resposta inmune.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade