Desenvolven en Vigo unha ferramenta para diagnosticar a apnea do sono con IA
Desenvolven en Vigo unha ferramenta para diagnosticar a apnea do sono con IA
O grupo de investigación PneumoVigo está a ser pioneiro na integración da intelixencia artificial na xestión de doenzas respiratorias
A intelixencia artificial está revolucionando o eido sanitario. En Galicia, o grupo de investigación PneumoVigo está sendo pioneiro na súa integración para detectar a apnea do sono e xestionar outras enfermidades respiratorias.
Dende que unha persoa sente que lle falta a respiración durmindo ata que é diagnosticado da síndrome da apnea do sono poden pasar ata catro consultas e moitas probas.
PneumoVigo, do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, desenvolve unha nova ferramenta máis rápida para o diagnóstico e posterior tratamento da apnea. Alimentan a intelixencia artificial con datos dunha década no hospital Álvaro Cunqueiro.
"Temos máis de cinco mil pacientes caracterizados con máis de corenta variables, clínicas demográficas, hábitos tóxicos, sintomatoloxía, que nos resulta moi útil para poder caracterizar eses pacientes en risco de padecer a patoloxía e tamén ver posibles adherencias ao tratamento", conta á TVG Manuel Casal Guisande, enxeñeiro industrial de PneumoVigo.
Só no CHUVI, no complexo hospitalario universitario de Vigo, hai 2.000 alertas ao ano de posibilidade da apnea do sono. O aumento da obesidade, o sedentarismo e o tabaquismo están detrás do aumento dunha doenza que está infradiagnosticada.
"Evitar probas innecesarias naqueles pacientes nos que a nosa ferramenta de intelixencia artificial unha vez validada, que saibamos que é fiable, nos permita descartar razoablemente unha apnea tratable. Evitarémoslles aos pacientes consultas que son innecesarias porque finalmente non teñen a enfermidade e non necesitan. Optimizar a xestión de recursos sanitarios e tamén optimizar a calidade de vida dos pacientes", engade María Torres, pneumóloga e investigadora en PneumoVigo.
Na área de Vigo 10.000 persoas dormen cunha máquina respiratoria a carón. A nova ferramenta coa IA comezará cunha unidade piloto en pneumoloxía do CHUVI exportable aos hospitais do Sergas.