A India tenta identificar as vítimas do choque de trens que provocou 288 mortes
A India tenta identificar as vítimas do choque de trens que provocou 288 mortes
As autoridades facilitan o traslado das familias ao lugar do sinistro
Publicaron nas redes sociais fotos dos corpos e listas das persoas feridas
As autoridades indias traballan na identificación das 288 persoas falecidas no peor accidente ferroviario do século XXI no xigante asiático, moitas deles apenas recoñecibles, axudando a desprazar parentes das vítimas ao lugar da traxedia e con imaxes na Internet.
A división do sueste dos Ferrocarrís indios puxo en circulación trens especiais para que as familias cheguen a Balasore, no estado oriental de Odissa, lugar do sinistro.
Finalizados os labores de rescate, as autoridades recorreron tamén ás redes sociais para publicar fotografías de corpos sen identificar e listas de persoas feridas en tratamento.
O accidente produciuse o venres cando un tren de pasaxeiros descarrilou e outra bateu contra el. Por causas aínda sen determinar, un terceiro convoi de mercadorías viuse implicado.
As autoridades anunciaron compensacións de máis de 12.000 dólares para as familias das vítimas mortais, uns 2.500 dólares para as persoas feridas graves e 606 dólares para as leves.
O peor accidente
Este é o peor accidente ferroviario que sofre a India no século XXI. En agosto de 1999, o choque de dous trens deixou tamén 288 persoas falecidas en Bengala Occidental. En 1981, o descarrilamento dun convoi que caeu a un río en Bihar provocou 800 mortes.
A rede ferroviaria india é, con 68.000 quilómetros de percorrido, a cuarta por lonxitude do mundo, detrás da dos Estados Unidos, Rusia e a China. Conta cuns 21.650 trens e 7.349 estacións en todo o país, e transporta a diario uns 23 millóns de persoas.