A industria non espera, por Venancio Salcines
OPINIÓN
A industria non espera, por Venancio Salcines
Cada certo tempo a economía entra nun novo proceso, as chamadas revolucións industriais, e con iso recorda un mestre de cartas, volve barallar e reparte man. O destino, atento ao xogo, móstrase disposto a facer un sorriso a aquel a quen non miraba no pasado. Son portas que se abren e que temos que saber percorrer, e digo isto porque neste momento é onde estamos, un momento de cambio.
Dous son os eixes cardinais: o primeiro é a loita contra o cambio climático, o que nos leva directamente a outra loita, a de reducir a pegada de carbono. O segundo son as redefinicións das cadeas de subministración. A pregunta que temos que facernos en Galicia é se podemos ser xogador da nova partida, e a resposta non pode ser máis afirmativa.
O 40 % de pegada de carbono xéraa a construción, e nós temos como paliala, a madeira construtiva, substituta do formigón, que podemos e debemos desenvolver a partir da nosa conífera, o piñeiro. O outro dez por cento está vencellado ao téxtil, e nós temos o eucalipto, necesario para facer fibras téxtiles de orixe vexetal. É dicir, soamente dando novos usos ó piñeiro e ó eucalipto podemos poñernos na vangarda en dous sectores.
Pero as fiestras que se abren son máis, o futuro da automoción pasa polo vehículo eléctrico, e este require de minerais estratéxicos, algúns dos cales temos nós, como o cobre. Temos que abrir as minas que estean ó noso alcance e conectalas co noso tecido produtivo, como temos que conectalas coas enerxías renovables. Temos vento, sol e auga, temos enerxía que se pode pór ó dispor das nosas industrias e con iso asegurar, a prezos competitivos, acordos bilaterais enerxéticos a longo prazo. Algo que, por certo, fixo Aragón e agora é terra de destino de industrias altamente intensivas en enerxía.
Todos estas portas de cambio están aquí: a madeira construtiva, o téxtil sostible, as enerxías renovables, a automoción eléctrica e moitos máis sectores, todos eles vencellados á sustentabilidade. Imos aproveitar esta fiestra de oportunidade? Non o sei, pero como mínimo debemos de loitar por isto.