Sanidade estuda usar a información das farmacias para predicir gromos
Sanidade estuda usar a información das farmacias para predicir gromos
Na Consellería de Sanidade queren crear unha rede de farmacias sentinela
Nos dispensarios coinciden en que poden ter un papel fundamental
Na Consellería de Sanidade están pensando en valerse das farmacias para predicir e controlar mellor as vagas de diferentes patoloxías, como a actual de virus respiratorios.
Os dispensarios son moitas veces os primeiros en apreciar o aumento de casos, en función da demanda de consellos, test e medicamentos.
"Creo que aquí pode vir moi ben, sobre todo nas zonas rurais onde a poboación pode ter o centro de saúde e as urxencias máis lonxe", explica Montse Villar, vogal do Colexio de Farmacéuticos da Coruña.
Montse Villar afirma que nas farmacias veñen notando xa desde novembro o aumento da circulación dos virus respiratorios. Di que están empezando a escasear algúns antibióticos para adultos, pero asegura que de momento a situación é de normalidade.
"Cos medicamentos habituais prescritos por médico temos sorte porque, aínda que hai desabastecemento de moitos medicamentos, dos que tratan a gripe, a covid e a pneumonía de momento temos subministración e podemos dicir que hai normalidade", puntualiza.
Esta vogal do Colexio de Farmacéuticos da Coruña destaca tamén que pasar por unha pandemia deixou pegada en forma de máis prevención.
"Estamos notando que a xente está sendo responsable, que moitos, se non saben se teñen covid ou gripe, levan máscara", afirma.