Publicador de contidos
Publicador de contidos

A investidura de Rueda sairá adiante cos votos do PP; BNG e PSdeG avanzan o seu non

A investidura de Rueda sairá adiante cos votos do PP; BNG e PSdeG avanzan o seu non

O PPdeG defende os prazos de investidura e afea ao BNG sacar debates "máis propios de programas do corazón" tras asegurar que se condiciona o debate pola celebración da voda o alcalde de Madrid

O deputado de Democracia Ourensana non di cal será o sentido do seu voto

Santalices ratifica que propoñerá a Rueda como candidato á Presidencia da Xunta e comunicarallo este mércores

G24.gal 02/04/2024 13:56 Última actualización 02/04/2024 16:22

O xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, ratificou que proporá a Alfonso Rueda como candidato á Presidencia da Xunta, unha vez concluída a rolda de contactos cos representantes dos partidos políticos con representación parlamentaria

Coa rolda de contactos celebrada este martes dáse cumprimento ao momento establecido no artigo 136.1 do regulamento do Parlamento de Galicia e empeza o procedemento para a investidura de Rueda como presidente da Xunta.

O PPdeG, cunha maioría absoluta obtida o 18F de 40 dos 75 escanos que conforman o hemiciclo do Parlamento de Galicia, propiciará a semana próxima que Alfonso Rueda sexa investido por segunda vez presidente de Galicia.

Farao, segundo defendeu este martes o seu portavoz parlamentario, Alberto Pazos, no marco duns prazos "regulamentarios e axustados".

Así o defendeu, en declaracións aos medios tras reunirse co xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, no marco da rolda de consultas preceptiva para que continúe o arranque da XII Lexislatura e que terá como seguinte paso a comunicación ao propio Rueda de que será o candidato proposto para presidir a Xunta.

Antes del, a líder do BNG, Ana Pontón, xa avanzara que os 25 deputados nacionalistas votarán en contra da investidura de Rueda, á vez que censuraba "atraso" nos prazos e vinculábao coa voda do alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida. A apreciación foi criticada por Alberto Pazos, quen lamentou que os nacionalistas incorporen debates "máis propios de programas do corazón".

"Iso é o que a min me parece rechamante", advertiu, antes de defender que os prazos son "axustados" e de recalcar que introducir "outro tipo de variables" resulta "ridículo". "Non se se alguén tiña un calendario alternativo que expor, pero nos órganos regulamentarios non o fixo ninguén", remarcou, a continuación.

Máis aló, Pazos remarcou que para el é "unha honra" exercer como "instrumento da maioría dos galegos que o 18 de febreiro decidiron que o grupo maioritario da Cámara fose o PP". Ratificou que Rueda terá o respaldo dos 40 deputados populares e que, "nos prazos previstos", arrincará o mandato, conformarase o novo Goberno autonómico e traballarase "pola vontade dos galegos".

Ana Pontón: "Supedita a investidura á voda do alcalde de Madrid"

A líder e portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón, ratificou que comunicou ao xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, que o BNG non presentará candidatura porque "é coñecido o resultado do 18F".

Subliñou Pontón que lle chama "a atención" que Galicia "vaia ter que esperar case dous meses para deixar atrás un presidente interino" e apuntou que Rueda é "o responsable do atraso" xa que "supedita a investidura á voda do alcalde de Madrid", José Luis Martínez-Almeida, que casa este sábado 6 de abril.

"Que para o PPdeG a axenda galega estea supeditada a vodas e festexos do PP parécenos un feito rechamante", esgrimiu a dirixente nacionalista, antes de profundar nos motivos cos que xustificou o rexeitamento da súa formación para apoiar a investidura de Rueda. Representa, dixo, "un proxecto que repite receitas fracasadas e a unha forza que leva facendo que retroceda Galicia" varios mandatos.

Tamén esgrimiu que o PPdeG, con Rueda á fronte, "representa os recortes de sanidade e o aumento das listas de espera poñendo en risco a saúde dos galegos". Ademais, afeou que é un candidato que non foi "capaz" de impulsar unha rede pública de residencias e consolidou "un modelo de coidados baseado en facer negocio coa vellez".

Ao dirixente popular botoulle en cara tamén "dinamitar as políticas de vivenda coas consecuencias xa coñecidas", e dirixir un partido que simboliza "o espolio da riqueza eólica" e que "quere poñer a riqueza eléctrica ao servizo dun puñado de multinacionais".

Tamén no plano económico, esgrimiu que o PPdeG representa "as mesmas receitas fracasadas" con "a única alternativa de apoiar proxectos megacontaminantes como o da macrocelulosa de Altri, que non quere Portugal polas súas nefastas consecuencias".

Besteiro: "Non é o candidato" que os socialistas queren para Galicia

O portavoz parlamentario e secretario xeral electo do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou o voto en contra da súa formación á investidura do aspirante popular á Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, ao asegurar que "non é o candidato" que os socialistas queren para Galicia.

Besteiro pronunciouse deste xeito despois de participar na rolda de consultas co presidente do Parlamento ao que lle trasladou o sentido do voto do seu grupo.

"O que lle trasladei é que non imos apoiar ao candidato do PP. Entendemos que o apoia unha maioría absoluta, pero, loxicamente, a nosa oferta e a nosa proposta para Galicia para os próximos catro anos non pasa por propor como presidente da Xunta a Alfonso Rueda", dixo.  

Besteiro lembrou que o PSdeG defende outra forma para dirixir Galicia, con medidas como as trasladadas polos socialistas durante a campaña electoral en materia de servizos públicos ou economía.

"Escoitaremos a proposta de debate do candidato, pero evidentemente a estamos en posicións radicalmente distintas", incidiu.

Besteiro, que destacou a cordialidade do encontro mantido con Santalices, explicou que aproveitou a cita para trasladar ao titular do Lexislativo galego que a súa formación fará unha oposición "construtiva, serie, rigorosa e firme".

Así, aproveitou para desmarcarse da actitude do PP en Madrid. "Porque nin a sentimos nin nos sentimos cómodos facendo ese tipo de oposición nin creo que sexa construtivo para o debate parlamentario", afirmou.

Ademais, preguntado polo que espera a súa formación do discurso de Rueda, Besteiro considerou que previsiblemente se verá unha liña "continuísta".

Armando Ojea: "Imos manter un pouco a tensión"

O deputado de Democracia Ourensana (DO), Armando Ojea, asegurou que non desvelará o seu voto ata a sesión da investidura do presidente da Xunta. "Imos manter un pouco a tensión", sostivo.   

Ojea foi o primeiro dos representantes das forzas políticas con representación parlamentaria en participar este martes na rolda de consultas. En declaracións aos medios tras o encontro, Ojea destacou a cordialidade da cita mantida con Santalices, na que abordaron o calendario parlamentario, as liñas que manterá Democracia Ourensana na lexislatura, así como da provincia de Ourense.

Tras lembrar que o propio presidente da cámara galega é tamén ourensán, Armando Ojea subliñou que a prioridade de Democracia Ourensana é reverter a situación de "discriminación" que vive a provincia. "Esperamos que nesta lexislatura, polo menos no sentido parcial, esta discriminación sexa cada vez menor", dixo.

Neste sentido, o parlamentario de Democracia Ourensana confiou en que o próximo goberno da Xunta teña en conta a mensaxe trasladada polos electores da provincia ao situar á súa formación na cámara galega.

Aínda que destacou que xa ten decidido o sentido do voto e que llo comunicou ao presidente da cámara galega, asegurou que non o desvelará ata a propia sesión de investidura, co obxectivo de "manter un pouquiño a tensión".

Unha vez constatado que Rueda conta co apoio maioritario da Cámara, o presidente do Parlamento convocará a mesa e a Xunta de Portavoces para trasladar o resultado da rolda de consultas e convocar o debate de investidura que se celebrará os días 9 e 11 de abril.

O sábado 13 tomará posesión do seu cargo como presidente e, a continuación, de acordo con os antecedentes, nomeará ao seu novo Goberno.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade