A investigación de naufraxios entrevistará os sobreviventes e o armador do Villa de Pitanxo
A investigación de naufraxios entrevistará os sobreviventes e o armador do Villa de Pitanxo
A normativa reguladora da CIAIM establece un prazo máximo dun ano para a publicación das conclusións, a contar, neste caso, desde o afundimento
A Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos activou a investigación do naufraxio do Villa de Pitanxo, que contará con entrevistas co armador e cos sobreviventes.
Este órgano independente, adscrito ao Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, detalla nun comunicado que non entra nos plans un desprazamento inmediato ao Canadá, ao afundirse por completo este buque de 50 metros de eslora nas augas de Terra Nova, debido ao accidente rexistrado o pasado martes e cuxas causas seguen a ser unha incógnita.
As entrevistas non serán inmediatas, pois "terán lugar no momento máis conveniente de acordo coa información recompilada e coa previsión que haxa para a repatriación". A CIAIM tampouco poderá establecer polo de agora hipótese ningunha sobre as causas do sinistro, que se determinarán ao finalizar todo o proceso e se incluirán no informe correspondente, que se fará público unha vez aprobado.
A normativa reguladora da CIAIM establece un prazo máximo dun ano para a publicación das conclusións, a contar, neste caso, desde o afundimento. E por agora, precisa o documento, resulta imposible saber se se vai esgotar ese prazo ou os traballos finalizarán antes.
A Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos iniciou a recompilación de evidencias documentais e electrónicas sobre o buque, a súa mariñeiría, o proxecto de construción, as reformas e as titulacións e certificados das 24 persoas que ían a bordo.
Tamén os rexistros electrónicos dos sistemas de localización da nave (a denominada caixa azul e os rexistros do sistema de identificación automática), as previsións meteorolóxicas, as radiocomunicacións e os sinais de emerxencias.
Agora, a CIAIM está a colaborar coas autoridades de investigación de accidentes marítimos do Canadá, das que recibe regularmente información sobre as operacións en curso, e tamén coas de Perú, país de orixe de varios dos enrolados nesta marea para a pesqueira do fletán.
A intención é colaborar con todos os países que teñan "intereses de consideración", de acordo cos protocolos establecidos polo código da Organización Marítima Internacional de investigación de sinistros.
Para a súa investigación, a CIAIM contará coa colaboración da administración das autoridades competentes en materia de pesca marítima, de seguridade e saúde no traballo e de calquera outra que así se determine, e tamén dos superviventes, do dono e armador do buque, da compañía aseguradora e de calquera persoa, organización ou organismo que poida achegar "información esclarecedora" das razóns que provocaron que o mar engulise este conxelador de grandes dimensións.
O Goberno está en contacto coas autoridades canadenses coa intención de aproveitar calquera oportunidade para retomar os labores de rescate dos doce tripulantes que seguen desaparecidos, unha petición da Xunta e, sobre todo, das familias, indignadas por unha procura de só 36 horas e pola falta de información.