A lei do só si é si enfronta as eurodeputadas que visitan España
A lei do só si é si enfronta as eurodeputadas que visitan España
A presidenta da misión di que non é papel do PE solucionar nin facer presión sobre a lei
Reuníronse con Irene Montero e Pilar LLop, tamén con asociacións de mulleres e con xuristas. A delegación do Parlamento Europeo que veu coñecer as políticas españolas en materia de Igualdade e Dependencia recoñece que os problemas coa aplicación da lei do só si é si se tratou en todas as xuntanzas.
"O papel do PE non é solucionar nin exercer presión sobre lei do si é si. Simplemente mostramos esperanza de que se logre unha boa solución para os problemas sinalados", asegurou a presidenta da misión Elzbieta Katarzyna Lukaciejewska.
Engadiu que confían en que se poidan resolver as lagoas da lei, pero non emitiu un comunicado conxunto da misión polas discrepancias entre as eurodeputadas españolas.
"Todos aqueles cos que falamos nos trasladaron a necesidade de cambiar xa esta lei porque é irreversible", afirmou a eurodeputada popular Rosa Estarás.
Para a eurodeputada de Ciudadanos Soraya Rodríguez, a misión constatou que non hai controversia entre oposición e Goberno ou entre a sociedade civil e o Goberno, senón diferenzas entre unha e outra parte do executivo.
A eurodeputada de Podemos Eugenia Rodríguez Palop asegurou que é radicalmente falso que a misión viñera fiscalizar o Goberno ou avaliar a lei do só si é si. Un argumento que reiterou a eurodeputada socialista.
"É unha pena que esta misión se instrumentalizara politicamente para atacar o Goberno", dixo Lina Gálvez, do PSOE.
A pesar das diferenzas neste asunto, a misión deberá redactar un informe sobre o resultado da súa visita a España con vistas a elaborar a futura directiva europea de Igualdade.