Publicador de contidos
Publicador de contidos

A loita fronte á diabetes e a obesidade, premio Princesa de Asturias de Investigación

A loita fronte á diabetes e a obesidade, premio Princesa de Asturias de Investigación

O galardón recoñece as descubertas de cinco líderes mundiais no campo da endocrinoloxía: Daniel J. Drucker, Jeffrey M. Friedman, Joel F. Habener, Jens Juul Holst e Svetlana Mojsov

Daniel J. Drucker, Jeffrey M. Friedman, Joel F. Habener, Jens Juul Holst e Svetlana Mojsov, Premio Princesa de Asturias de Investigación Científica e Técnica 2024 (EFE / Fundación Princesa de Asturias). Daniel J. Drucker, Jeffrey M. Friedman, Joel F. Habener, Jens Juul Holst e Svetlana Mojsov, Premio Princesa de Asturias de Investigación Científica e Técnica 2024 (EFE / Fundación Princesa de Asturias).
G24.gal 05/06/2024 12:17 Última actualización 05/06/2024 13:19

Os descubrimentos e o desenvolvemento de novos medicamentos que axudan a controlar a diabetes e a baixar de peso que levaron a cabo cinco líderes mundiais no campo da endocrinoloxía, Daniel J. Drucker, Jeffrey M. Friedman, Joel F. Habener, Jens Juul Holst e Svetlana Mojsov, foron recoñecidos co Premio Princesa de Asturias de Investigación Científica e Técnica 2024.

As súas investigacións permitiron desenvolver novos fármacos, nun primeiro momento para o tratamento da diabetes que posteriormente se aplicaron con éxito á loita contra a obesidade e o exceso de peso, e para mitigar tamén patoloxías asociadas como as cardiovasculares.

O xurado que lles concedeu o galardón destacou que os seus traballos contribuíron ao desenvolvemento de medicamentos que "están a mellorar a calidade de vida de centos de millóns de persoas en todo o mundo". A concesión do premio enmárcase nos avances logrados nos últimos anos no tratamento da diabetes tipo 2 co desenvolvemento de fármacos que utilizan como principio activo a semaglutida, que xoga un papel de contrapeso da insulina no equilibrio do azucre en sangue.

Ademais, a semaglutida produce unha notable redución do apetito, o que converteu nun éxito o Ozempic, un dos fármacos producidos con este principio activo, e que, segundo a revista Science, representan o maior avance científico de 2023.

De feito, Drucker, Habener, Holst e Mojsov comparten o recoñecemento de iniciar e desenvolver esta investigación desde os anos setenta do pasado século. Estes catro investigadores mundiais estudaron o efecto de determinadas hormonas que regulan a secreción de insulina e consecuentemente os niveis de glicosa.

O químico Holst, investigador da Universidade de Copenhague e un dos maiores expertos no campo da diabetes, descubriu que os niveis de insulina se disparaban e os niveis de azucre diminuían en pacientes sometidos a unha cirurxía intestinal e relacionou eses cambios con varias hormonas, como o glicagón, que se produce no páncreas.

Paralelamente, Habener (endocrinólogo) e Drucker (médico), por unha banda, e a bioquímica Mojsov, por outro, descubriron desde os Estados Unidos novos tipos de hormonas intestinais relacionadas co control de peso, a GLP-1 e GLP-2, que serviron de base para o desenvolvemento dos novos medicamentos para a obesidade.

Friedman (Orlando, 1954), experto en xenética molecular e investigador da Universidade Rockefeller de Nova York, foi pioneiro en establecer a base xenética da hormona que regula o apetito. Este biólogo centrou tamén os seus traballos nos mecanismos que regulan o peso corporal e en como a hormona leptina, que descubriu en 1994, axuda a reducilo mediante a redución da inxesta de alimentos e o aumento de gasto de enerxía. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade