Publicador de contidos
Publicador de contidos

A maior conectividade de Galicia permite diversificar os destinos vacacionais dos galegos

A maior conectividade de Galicia permite diversificar os destinos vacacionais dos galegos

G24.gal 07/06/2024 19:18 Última actualización 07/06/2024 20:50

Un verán máis os galegos e as galegas seguimos elixindo como destinos turísticos as zonas de praia, principalmente as illas Canarias e as Baleares. Mais tamén hai novas incorporacións a esta listaxe. O presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxes (AGAVI) Juan Ribadulla comenta que "os destinos aos que viaxa a xente de Galicia a verdade é que están a sorprendernos porque temos voos desde Romanía, Polonia, Islandia, Marrocos, Cabo Verde, Madeira, entre outros".   

Din que a este comportamento está a contribuír a mellora da conectividade de Galicia. "A aparición destes touroperadores que ofrecen novos destinos está a ser un punto de inflexión moi importante do que estamos moi contentos nas axencias porque nos permite diversificar a oferta", engade. 

As axencias galegas de viaxes falan dunha temporada de verán que presenta razoablemente boa para o sector debido ao dinamismo das reservas principalmente nos primeiros meses do ano. De feito, o barómetro vacacional elaborado pola aseguradora Europ Assistance reflicte que un de cada tres españois mercaron as súas viaxes cunha antelación de entre dous e catro meses co fin de obter mellores ofertas. "Agora virá a segunda quenda de xente que por diferentes motivos non pode reservar con tanta antelación e que ten que agardar un pouco máis para adquirir a súa viaxe. Para eles temos multitude de produto á venda nas axencias para todos os petos", puntualiza o presidente das axencias galegas.   

Malia a repunta dos prezos dos servizos turísticos rexistrada en maio, o sector prevé que 2024 supere lixeiramente as cifras do ano pasado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade