A maioría do PP na Mesa do Senado deixa en suspenso os grupos de JxCat e PNV
A maioría do PP na Mesa do Senado deixa en suspenso os grupos de JxCat e PNV
Solicitouse un informe aos letrados da cámara alta para aclarar a legalidade da conformación deses grupos parlamentarios
O vicepresidente do Senado, o popular Javier Maroto, explicou que as dúbidas veñen polo feito de que para formar grupo nalgúns casos precisan "máis senadores prestados que senadores propios"
A Mesa do Senado, na que ten maioría o PP, decidiu deixar en suspenso a conformación dos grupos parlamentarios de PNV, JxCat e a esquerda, que necesitan da cesión de senadores do PSOE para constituírse con dez membros, o mínimo que fixa o regulamento, á espera dun informe que se lles solicitou aos letrados da Cámara Álta.
O vicepresidente do Senado, o popular Javier Maroto, explicou en conferencia de prensa que a Mesa pediu este martes formalmente unha aclaración xurídica, polo que, á espera de recibila, non se completou a formación dos grupos parlamentarios.
O órgano de goberno do Senado só constituíu os tres grupos sobre os que non hai dúbidas, os de PP, PSOE e o de Esquerdas pola independencia, que forman os senadores de ERC e EH Bildu.
Queda así por decidir se forman grupo os tres senadores de JxCat, o de Coalición Canaria, outro do BNG e un máis da Agrupación Herreña Independente (AHI), co préstamo de catro senadores do PSOE. Tamén se os cinco senadores do PNV poden ser un grupo coa cesión de cinco socialistas.
E por último está no aire o caso da esquerda, que actualmente conta con catro senadores de Más Madrid, Compromís, Agrupación Socialista Gomera (ASG) e Evissa/Formentera ao Senat, polo que, á espera de que Navarra designe ao representante de Geroa Bai, necesita ata seis senadores socialistas para formar grupo.
Maroto explicou que non é a cesión de senadores o que provoca interrogantes, pois mesmo o PP levou a cabo esta práctica, senón o feito de que "nalgúns casos mesmo hai máis senadores prestados que senadores propios".