A maioría dos incendios en Galicia xa delimitados tras queimaren máis de 4.400 hectáreas
A maioría dos incendios en Galicia xa delimitados tras queimaren máis de 4.400 hectáreas
Medio Rural informa que para as tres aldeas do Folgoso do Courel e A Pobra do Brollón ameazadas polo lume "xa pasou o perigo"
Xornada de domingo para a esperanza. Así a cualificou o conselleiro de Medio Rural, Xosé González, na súa visita ás zonas do Courel e A Pobra do Brollón, posto que indicou que os incendios xa están "perometrados" e o traballo céntrase agora en que "non haxa reproducións".
O responsable de medio Rural relacionou os lumes forestais coa "treboada seca" da noite do xoves en Galicia, con máis de 6.000 raios que "causaron danos onde non houbo chuvia". Asegurou que onde caeu auga foi posible frear os conatos.
Ante os medios de comunicación asegurou que a maioría dos incendios forestais están perimetrados, pero recoñeceu que non están en fase de estabilización aínda, pero si están "próximos ao control". Os lumes non avanzan e os medios de extinción traballan dixo para que nos perímetros non haxa reproducións.
Sobre os tres lumes con risco para núcleos habitados en Lugo, un na Pobra de Brollón e outros dous no Folgoso do Courel, detallou que "nas aldeas ameazadas o perigo xa pasou", e non hai posibilidade de que se repoduza o fogo contra eses lugares.
Na zona traballan arestora máis de duascentas persoas dos equipos contra incendios da Xunta ademais de sesenta integrantes da Unidade Militar de Emerxencias e trinta medios aéreos, entre eles un chegado desde Zaragoza para axudar.
Os técnicos estiman que o 90 % dos perímetros está cercado, polo que agardan que este domingo estean todos estabilizados, malia a importante dificultade existente pola orografía, con zonas de difícil acceso.