A materia prima non chega, o produto non sae e as industrias entran en bloqueo
A materia prima non chega, o produto non sae e as industrias entran en bloqueo
Embotelladoras de bebidas ou panificadoras alertan de que se a situación non se soluciona, optarán por aplicar ERTE
Nos almacéns maioristas apenas queda espazo para almacenar todo o produto que non se distribúe pola folga. É o que lles está a pasar ás embotelladoras de auga ou ás empresas que traballan con fariña. Alertan de que, se a cousa non se soluciona, deberán acudir a ERTE.
Non reciben materia prima e tampouco poden sacar o produto. Iso fixo que a maior industria de fariña de Galicia parara a súa actividade, e iso afecta ao milleiro de panaderías ás que subministra.
Na panadería Tito Rivela, de Ourense, empregan diariamente uns 1.500 quilos de fariña. Dende que comezou a folga do transporte reduciron a produción nun terzo, porque non poden enviar os pedidos cara a outros puntos de España.
"Exportamos moito para fóra, que é o noso forte, porque tamén vendemos nas tendas da capital, pero aí están ao límite de ganancia", di Sergio Souto.
O prezo da fariña incrementouse uns 15 céntimos o quilo dende a invasión en Ucraína, pero o problema agora é que nin sequera reciben subministración. A única fariñeira que hai en Galicia e que abastece un milleiro de panaderías tivo que parar a actividade. "Se non teñen subministración, pararemos. Con 50 persoas que temos traballando, quen se me fai cargo deses gastos?", pregúntase Sergio.
Por agora teñen fariña almacenada para manter a actividade durante unha semana. Nunha planta embotelladora de auga, en Sarria, xa non teñen oco para amorear máis produto. Piden unha rápida solución ao conflito para evitar ter que aplicar ERTE.
En situación semellante están outras envasadoras de bebidas, como Hijos de Rivera, que ten paralizadas as exportacións e baralla parar toda a actividade nas fábricas.