A metade do incremento da recadación do IRPF dende 2019 débese á inflación, por María Cadaval
OPINIÓN
A metade do incremento da recadación do IRPF dende 2019 débese á inflación, por María Cadaval
Nos últimos cinco anos, a recadación do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) en España experimentou un notable dinamismo. Dos 86.892 millóns de euros recadados no 2019, pasouse a 120.280 millóns de euros do 2023. Este incremento débese non só ao crecemento das rendas dos fogares senón tamén a un fenómeno coñecido como progresividade en frío ou rémora fiscal. Este efecto, detallado nun recente estudo do Banco de España asinado por Sofía Balladares e Esteban García-Miralles, prodúcese cando os tramos e beneficios fiscais do IRPF non se actualizan conforme a inflación, resultando nun aumento dos tipos medios efectivos.
Mais, como impactou realmente este fenómeno na recadación fiscal e na equidade do sistema impositivo español?
A progresividade en frío prodúcese cando os parámetros fiscais non se axustan adecuadamente á inflación, provocando un aumento dos tipos impositivos efectivos a medida que as rendas nominais dos fogares medran. Segundo o estudo do Banco de España, un incremento homoxéneo do 1 % na renda dos fogares xerou un incremento de 1,85 % na recadación do IRPF. Un fenómeno que foi especialmente pronunciado nas rendas medias, e tamén nas medias-altas, o que fai aumentar os tipos efectivos medios de gravame.
Entre 2019-2023, aproximadamente a metade do incremento na ratio de IRPF sobre o PIB pode atribuírse á progresividade en frío. Sen cambios nos parámetros fiscais, estímase que esta ratio poida alcanzar o 9 % en 2025, un 29 % mais que no ano 2019. Este dato debe chamar a atención sobre dúas cousas: a) a primeira, é sustentable esta recadación?, e b) é equitativo este sistema a longo prazo?
A falta de actualización da escala de gravame, dos mínimos exentos e dos beneficios fiscais, combinados co incremento dos tipos efectivos para determinados segmentos da poboación provoca o salto na tributación.
Que cómpre facer para guiar as actuacións futuras na reforma do IRPF? Segundo os autores do informe do Bando de España é preciso actuar sobre catro elementos:
Sustentabilidade fiscal
Aínda que a progresividade en frío incrementou a recadación, fíxoo aumentando os tipos impositivos en lugar de ampliar as bases tributarias. Manter tipos efectivos medios estables mediante actualizacións axeitadas podería ser unha estratexia mais equilibrada e sustentable a medio e longo prazo.
Distribución do efecto
A progresividade en frío afecta de xeito significativo ás rendas medias. Actualizar os parámetros fiscais, especialmente os beneficios como o mínimo persoal e familiar, é crucial para manter a equidade do sistema impositivo.
Frecuencia de actualización
Establecer actualizacións automáticas utilizando un índice de prezos como o IPC podería achegar maior predictibilidade e estabilidade. Alternativamente, actualizacións discrecionais, realizadas con transparencia e regularidade, poderían estabilizar o efecto ao longo dos ciclos económicos.
Índice de Referencia para a Indexación
A elección do índice de referencia é crucial. A maioría dos países da OCDE utilizan índices de prezos para manter o valor real dos parámetros fiscais. Non obstante, un índice baseado no crecemento das rendas podería contrarrestar mellor a progresividade en frío a longo prazo, especialmente cando os salarios medran máis rapidamente que os prezos.
En definitiva, a falta de actualización dos parámetros do IRPF tivo un impacto considerable na recadación fiscal e na progresividade do sistema impositivo en España. Aínda que contribuíu á sustentabilidade das contas públicas, tamén expuxo desafíos en termos de equidade. A evidencia presentada polo Banco de España suxire que unha vez reformado do IRPF é inevitable e necesaria para asegurar un sistema fiscal xusto e sustentable.