A máscara será obrigatoria nos centros sanitarios, nos transportes e nas farmacias
A máscara será obrigatoria nos centros sanitarios, nos transportes e nas farmacias
Carolina Darias non descarta "en absoluto" unha cuarta dose para a poboación xeral
A ministra de Sanidade, Carolina Darias, asegurou este sábado que as empresas serán as responsables de ditaminar se é preciso levar máscara na contorna laboral, tras a fin do seu uso obrigatorio en interiores, que entrará en vigor o vindeiro mércores 20 de abril.
Nun acto nas Palmas de Gran Canaria, Darias concretou en declaracións aos medios que os servizos de prevención de riscos laborais serán os encargados de determinar os ámbitos de uso obrigatorio, non obstante, concretarase "no real decreto que se publicará o mércores no BOE".
A ministra anunciou a fin do uso obrigatorio das máscaras en interiores o 6 de abril, tras o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) en Toledo, "por razóns lóxicas", dada a situación epidemiolóxica e a "elevadísima cobertura vacinal".
Ademais, Darias concedeu este sábado unha entrevista ao diario El País, en que deu máis detalles do escenario que se abre a partir do vindeiro mércores. Avoga por facer un "uso responsable" da máscara, mesmo aínda que non sexa obrigatoria sempre.
"Si que o seguirá sendo no interior dos centros, dos servizos e dos establecementos sanitarios. Isto inclúe as farmacias, os hospitais, os centros de saúde e de transfusión de sangue", aclarou.
Obrigatoria nos transportes
Do mesmo xeito, confirmou que será obrigatoria nos transportes "por avión, por ferrocarril, por autobús, en metro e tamén nos transportes en barco, en interior".
"Non hai ningunha excepción nos transportes públicos. Hai que levala en todos", subliñou.
Cuarta dose
Sobre unha posible volta ao uso obrigatorio das máscaras nalgún momento máis adiante, dixo que o Goberno se pon na "previsión de calquera escenario". Con todo, afirmou que a cuarta dose para a poboación xeral non a descarta "en absoluto".
"Estamos xa traballando nese escenario. Xa puxemos a cuarta dose ás persoas inmunocomprometidas e, a partir da próxima semana, o relatorio de vacinas empezará a valorar a vacinación a outros colectivos, por exemplo, para maiores de 80 anos", recoñeceu.