Publicador de contidos
Publicador de contidos

A ministra de Defensa di que a Generalitat tardou cinco horas en pedir a intervención da UME en toda a provincia de Valencia

A ministra de Defensa di que a Generalitat tardou cinco horas en pedir a intervención da UME en toda a provincia de Valencia

Margarita Robles ofrece os 120.000 efectivos das Forzas Armadas para traballos de limpeza e reconstrución

Torres reivindica a xestión do Goberno e insiste en apuntar a Mazón por tardar en reaccionar

G24.gal 13/11/2024 20:31

A ministra de Defensa ofrece os 120.000 efectivos das Forzas Armadas españolas para axudar nos traballos de limpeza e reconstrución. Margarita Robles asegurou no Senado que o día da DINA, a Generalitat non solicitou a presenza da UME en toda a provincia de Valencia ata as oito e media da tarde. 

"Ás 15:59 pediron activar a UME pero só na zona de Utiel e Requena. Ás 20:36 o Centro de Emerxencias da Generalitat pediu activar a UME en toda a provincia de Valencia. Como poden ver pasaron case cinco horas", asegurou a ministra.

A ministra desmentiu este mércores a loia sobre a ausencia dos militares nos primeiros momentos da DINA que arrasou Valencia o pasado 29 de outubro: "Os militares, desde o momento un, estaban na zona que se lles adxudicou: en Utiel e Requena".

Robles respondeu así no pleno do Congreso a unha pregunta do deputado do PP Alberto Fabra, quen afeou ao Goberno que as Forzas Armadas se despregasen tarde ante a catástrofe: "Tíñase que actuar desde o primeiro minuto por responsabilidade e pola dignidade das vítimas", reprochoulle.

Na súa quenda de resposta, a ministra lembrou que, aquel día, ás 15:49 horas produciuse unha activación da UME pero só para a zona de Utiel e Requena.

Nese momento, e grazas ao sistema de prealarma co que funciona a UME, todo o III Batallón de Bétera xa estaba preparado, polo que 56 efectivos saíron cara a Requena.

"Ao longo das horas, seguen indo membros dese batallón para facer un recoñecemento na zona que entón se lles adxudicou, que era Utiel e Requena, cunha certa incomprensión porque, efectivamente, como vostede ben di, podían estar traballando noutros sitios", sinalou.

A ministra apuntou que, nese momento, a choiva era abundante e os helicópteros non podían voar: "Tárdase cinco horas, cinco horas, en que, por parte da Dirección Xeral da Emerxencia, se proceda a activar a UME en toda Valencia", recalcou.

Robles tamén foi cuestionada no pleno pola deputada do PP Belén Hoyo, quen tamén criticou a xestión do Goberno central da catástrofe: "Fronte ao cálculo político debería prevalecer a responsabilidade e a humanidade", lamentou.

Un reproche ao que a ministra respondeu: "Eu trato de ser unha persoa humilde e modesta, pero créanme que leccións de empatía e humanidade non mas vai dar ninguén. Eu estou co último soldado no último momento, cando ten unha ferida, cando perde os familiares... aí estou eu, e estiven cos valencianos desde o primeiro momento".

Lembrou que neste momento hai 8.600 efectivos militares desprazados nas zonas afectadas máis os que están na retagarda nas bases loxísticas: "Onte estiven con eles, co rei, como estiven o sábado... Eu choro con eles, emociónome con eles", sinalou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade