A Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas fai trinta anos
A Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas fai trinta anos
Máis dunha trintena de luthiers participan na feira, unha das máis antigas da península
Organizada pola AGG, ofrece unha programación especial para conmemorar a data
Tamén presentou un documental que resume a historia do encontro, referente a nivel europeo
Pardiñas acolle esta fin de semana unha nova edición da Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, organizada pola Asociación de Gaiteiras e Gaiteiros Galegos (AGG).
Unha trintena de luthiers participan na feira, que se celebra no marco do Festival que botou a andar a asociación Xermolos, hai 44 anos, neste lugar do concello de Guitiriz.
Considerada un referente a nivel europeo, celebra este ano o seu trinta aniversario cunha programación especial.
Tras a apertura o sábado, ás once e media da mañá, tivo lugar un concerto especial ao redor das gaitas de fol na costa de Euskadi, con Juan Mari Beltrán Argiñena e Fernando Jalón Jadraque.
A tradición vasca, convidada nesta edición, terá continuidade pola tarde cun obradoiro de txalaparta impartido por Beltrán Argiñena, especialista no instrumento e un dos musicólogos e investigadores máis reputados da península.
A xornada remata cun concerto das Pandeireteiras de Brincadeira.
Programa do domingo 6 agosto
-11:30 Apertura da mostra.
-12:00 Obradoiro de xogos bailados con Luís Prego.
-13:00 Concerto Cançons de Festa Major con Xavi Macaya e Jordi Aixalà.
-14:00 Xantar.
-17:00 Obradoiro de baile con Montse Rivera.
-18:00 Concerto de Os Carunchos.
-20:00 Sorteo.
-21:30 Peche da mostra.
Durante a mostra tamén haberá demostración de construción de palletas e pallóns a cargo de Jaime Pena.
Documental
Co gallo do trinta aniversario da mostra, a Asociación de Gaiteiras e Gaiteiros Galegos presentou o documental Labrando músicas, producido polos cineastas Olaia Tubío e Alejandro Gándara que, ademais, é o seu director artístico.
O filme, dispoñible na canle de YouTube da AGG narra a historia e a intrahistoria da mostra apoiándose en gravacións de arquivo pero, ademais, configura unha panorámica da artesanía no eido da música tradicional galega aquí e agora.