A moza viguesa queimada pola súa exparella esperta tras un mes en coma
A moza viguesa queimada pola súa exparella esperta tras un mes en coma
Yohanna Comesaña segue hospitalizada, aínda que mellora día a día
Yohanna Comesaña, a moza da parroquia viguesa de Valadares queimada pola súa exparella, espertou tras preto dun mes en coma, pero continúa hospitalizada debido ao seu estado de saúde.
Segundo fontes próximas á vítima consultadas por Europa Press, a muller, de 29 anos, espertou hai uns días tras inducirlle o coma debido á gravidade das súas feridas. Por agora continuará no hospital por tempo indefinido, aínda que, segundo insisten, a súa situación mellora día a día.
Os feitos ocorreron a principios do mes de setembro, cando a vítima saía do seu domicilio á primeira hora da mañá e a súa exparella abordouna e mollouna con gasolina antes de prenderlle lume. A muller conseguiu apagar ela mesma as lapas e os seus berros alertaron os familiares; posteriormente, foi trasladada á Unidade de Queimados de Povisa, onde quedou ingresada con queimaduras no 35 % do corpo.
Mentres, o home, de 41 anos de idade e veciño de Gondomar, foi detido pouco despois por axentes de policía, aos que chegou a enfrontarse e tentou agredir cunha botella de cervexa.
Por estes feitos, o Xulgado de Instrución 1 de Vigo, en funcións de garda, decretou o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza de Borja R. R., investigado por un suposto delito de asasinato en grao de tentativa. No xulgado o detido acolleuse ao seu dereito a non declarar.
O agresor conta con antecedentes policiais por tenza ilícita de armas. En 2010 a Garda Civil abriu unha investigación pola morte dunha moza por un disparo na tempa na súa casa de Gondomar e detivo o que naquel entón era o seu noivo, Borja R. R., aínda que finalmente a investigación pechouse como un suicidio.