A música e o baile de seis países percorre Ourense coas Xornadas do Folclore
A música e o baile de seis países percorre Ourense coas Xornadas do Folclore
Bolivia, Tahití, Ucraína ou Suráfrica son só algúns dos países participantes este ano
Máis de duascentas persoas traballan acotío para que todo estea a punto nas Xornadas do Folclore. A danza e a música de seis países percorre estes días a provincia de Ourense. Bolivia, Tahití, Ucraína ou Suráfrica son só algúns dos países participantes este ano. Durante dúas semanas os grupos conviven, comparten experiencias e percorren boa parte da provincia de Ourense para amosar o mellor da súa música tradicional, dos seus bailes, en definitiva da súa cultura.
Entramos no ensaio do grupo de Ucraína, esta noite farán dous pases de seis minutos cada un e todo ten que sair perfecto. Residen no Canadá pero traballan na difusión da cultura ucraína. A mesma que levan días amosando por boa parte da provincia.
A directora do grupo, Lisa Wanner, conta o moito que goza o público as súas actuacións, o agarimo, as felicitacións e os aplausos que reciben despois de cada espectáculo. Din que agradecen moito o seu apoio.
Na sala de ensaios toma o relevo o grupo de Suráfrica. Chámanse Amazebra e o seu bo facer levounos a gañar mesmo o concurso Got talent no seu país. Aquí traen unha pequena representación do moito que teñen que ofrecer.
E claro, está tamén a experiencia de convivir con outros grupos, coñecer nova xente e distintos lugares.
Ntombenhle Mkhize, do grupo de Suráfrica, di que gozaron da cidade, a xente, a comida. Que experimentaron moitas cousas, están moi felices de estar aquí e que lles encantaría volver.
As xornadas son un espectáculo de baile, de música de vestiario. Unha oportunidade coma poucas para percorrer o mundo. Bolivia, Tahití, O Ecuador e A Arxentina completan o cartel deste ano.
"Son moitos anos, isto fai que o público xa saiba de folclore internacional e que reclame grupos de alta calidade. Saben distinguir moi ben os grupos que son máis ou menos profesionais", explica Xavier Álvarez, da organización das Xornadas do Folclore.
180 artistas encargaranse de poñerlle o peche as xornadas este ano. Hoxe poden velas en Ourense, a gala de clausura será mañá en Ribadavia.