Música e baile tradicional na Verbena da Rella, unha festa coma as de antes
Música e baile tradicional na Verbena da Rella, unha festa coma as de antes
Esta festa de Ramirás aposta por facer do rural un espazo vivo
Música, xogos e bailes tradicionais. Nada falta na Verbena da Rella, a festa popular organizada no concello de Ramirás. Unha celebración, din, como as de antes, pensada por e para a xente, que axude a facer do rural un espazo vivo.
"É unha festa que pretende poñer en valor a música en si mesma, pretende volver a verbena de antes onde a música era o que importaba, ver os grupos que tocan para o baile". Explica Alexandre Sotelino, coordinador da Verbena da Rella.
E por iso nesta xornada festiva hai oportunidade tamén de aprender. Na praza da igrexa os grupos van quecendo dende primeira hora da tarde. Din estar como na casa nunha festa pensada por e para a xente de todas as idades.
"Declara moito o que é este país, é unha verbena co concepto de verbena, non só o nome e aparte que nos fan sentir da familia. Unha festa das que non quedan xa", apuntan Yoli e Josinho da Teixeira, do grupo Tanto nos ten.
"É unha festa para a xente, non hai máis que ver como bailan, como cantan, e que se nota que cada ano están esperando que chegue este día".
"Parécenos unha maneira de apostar polo noso, polas nosas festas, polas nosas verbenas, e tamén pola nosa música, que mellor", di Marta Martínez, do grupo As Lagharteiras.
Detrás da festa, como lembra Alexandre, está a asociación Rebulir que leva case dúas décadas recuperando e difundindo a cultura tradicional galega dende un concello rural de 1500 habitantes.
"Somos un grupo nutrido de mozos e mozas que estamos loitando para que no rural tamén haxa iniciativas coma estas".
A verbena réndelle homenaxe ao Rella, o gaiteiro veciño de Ramirás, que durante décadas animou canta festa e romaría había na contorna. Agora semella que hai canteira e que as ganas de troula seguen intactas.