A N-525 suma 7 treitos de alta perigosidade ao seu paso pola provincia de Ourense
Os treitos da estrada N-525 perigosos sucédense entre os concellos de Trasmiras ata A Gudiña
Segundo un estudo da Organización de Automovilistas Europeos (AEA) a provincia galega con máis treitos perigosos é Pontevedra con 9, en zonas da AP-9 en Vigo, e tamén na N-120
A Coruña suma 4 tramos perigosos e Lugo, tan só un
Un longo treito da N-525 entre os concellos ourensáns de Trasmiras ata a A Gudiña suma sete puntos dos máis perigosos dos 270 localizados nas estradas estatais. Segundo un informe da Organización de Automobilistas Europeos Asociados (AEA), a perigosidade é especialmente elevada na zona coñecida como o Alto das Estivadas, ata o quilómetro 171, xa no concello de Monterrei. Os veciños da zona temen pola seguridade dos peóns.
"Este é un punto moi perigoso porque houbo moitos accidentes, sen ir máis lonxe, o ano pasado houbo un atropelo neste paso de peóns, que hai aquí mesmo. Nas Estivadas é raro o mes en que non hai un accidente".
"Aquí houbo moitas mortes antes de facer os pasos de peóns, morreu bastante xente".
"Houbo bastantes accidentes".
"Moita velocidade e non se respectan os sinais".
Os accidentes aquí son continuos, nos últimos cinco anos rexistráronse ata 12 sinistros viarios, e algúns con vítimas mortais e feridos graves. Outro dos puntos conflitivos son os pasos de peóns como o da localidade verinesa de Pazos. Por el pasan a diario uns 800 vehículos.
"É moi perigosa porque ademais de que a xente pasa a unhas velocidades un pouco excesivas... Aquí neste paso de peóns hai veces que a xente non pode cruzar...".
"O firme está en moi mal estado, iso en primeiro lugar, despois os pasos de peóns que hai aquí, por exemplo, deberían estar iluminados. É un perigo. Eu mesmo, moitas veces que veño pola noite, vexo que se ten que vir con moitísimo coidado porque non se ve o peón, realmente".
Ourense con sete puntos é a segunda provincia galega con máis treitos de alta perigosidade, a primeira é Pontevedra con 9 treitos. A Coruña ten 4 e Lugo, tan só un.