Publicador de contidos
Publicador de contidos

A neglixencia dun particular, posible causa do incendio que queimou 1.400 hectáreas en Baleira

A neglixencia dun particular, posible causa do incendio que queimou 1.400 hectáreas en Baleira

Medio Rural fai un chamamento á prudencia e lembra que as queimas agrícolas están suspendidas

Parte da zona queimada polo incendio de Baleira
G24.gal 30/03/2023 17:24 Última actualización 30/03/2023 21:22

A neglixencia dun particular durante unha queima provocou o primeiro grande incendio que rexistra a comunidade galega este ano e que queimou arredor de 1.400 hectáreas en Baleira.

O director xeral de Defensa do Monte confirma que o autor foi identificado.

O conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, fixo este xoves un chamamento á prudencia para que non se repitan este tipo de imprudencias.

Sobre a situación do incendio neste xoves, o conselleiro confirmou que está estabilizado.

Neste momento os medios de extinción tratan de arrefriar as zonas arrasadas polo lume, sobre todo naqueles lugares onde as lapas poden volver prender e están moi pendentes do vento.

A voracidade das lapas ameazou varios núcleos de poboación. Chegaron a ser desaloxados os veciños de Murias e da Cortevella, en Baleira, e os de Castañosín e Estremeiro, na Fonsagrada.

Ademais das aldeas evacuadas, outros núcleos de poboación tamén estiveron en perigo debido á proximidade do lume. Foi o caso de Silvadrosa, na Fonsagrada, onde os veciños loitaron contra as lapas cos seus propios medios.

Contra o incendio traballaron máis de 40 brigadistas, unha vintena de axentes, outras tantas motobombas, dous avións e tres helicópteros. Ademais, o operativo conta coa presenza de 17 vehículos e de máis de 50 militares da UME.

Bombeiros forestais traballando na extinción do incendio de Baleira Bombeiros forestais traballando na extinción do incendio de Baleira

Ademais do de Baleira, hai outros catro incendios importantes.

No concello pontevedrés de Agolada, o lume queimou ata o momento 20 hectáreas.

En Lugo, o incendio de Viveiro, orixinado na parroquia de Vieiro, está estabilizado cunha afectación estimada de 80 hectáreas.

En Alfoz continúa activo o xurdido na parroquia de Lagoa, con 90 hectáreas queimadas; e o de Taboada, na parroquia de Xián, controlado durante a mañá deste xoves, afecta oito hectáreas.

Axudas para afectados polos incendios

O Consello da Xunta analizou este xoves o balance das axudas aprobadas para os afectados polos incendios do pasado verán nas provincias de Lugo e Ourense.

Segundo ese balance, xa as recibiron 280 persoas e entidades, "que son o 100% dos que presentaron a documentación requerida e cumprían cos requisitos", segundo explicou o presidente Alfonso Rueda.

A Xunta destinou a estes apoios dirixidos a particulares, empresas e concellos 5,4 millóns de euros.

Catro millóns foron para reparar danos nas vivendas afectadas polo lume, pero tamén se beneficiaron empresas e donos de explotacións agrogandeiras.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade