Os falecidos nos terremotos de Turquía e Siria aumentan ata 39.000
Os falecidos nos terremotos de Turquía e Siria aumentan ata 39.000
A ONU teme que a cifra final de vítimas dos terremotos se duplique
Xa é o sismo máis letal na rexión en mais dun século
Turquía confirmou preto de 30.000 mortos no seu territorio e a OMS estima que en Siria pode haber xa máis de 9.000. E son só cifras provisionais. Na ONU temen que o cómputo final chegue ao dobre ou máis.
En Turquía aínda localizaron este domingo varias persoas vivas baixo os cascallos, desde unha nena de tres anos a unha anciá de 85. Levaban entre 140 e 155 horas sepultadas.
En Siria, nas áreas opositoras, as máis danadas, deron por finalizada a busca de superviventes. Non atopaban ningún desde o xoves. Responsables de defensa civil explican que non contaron con axuda ningunha, nin sequera con focos de luz. Aseguran que de ter equipos axeitados habían salvar centos de persoas.
O xefe humanitario da ONU recoñeceu que a organización falloulle á xente destes territorios. O responsable da OMS reuniuse co presidente sirio para que permita que a axuda chegue a esas zonas. Di que o viu disposto a abrir pasos.
Turquía ten máis recursos e recibiu rescatadores de varios países pero a traxedia supera os medios. Moitos aínda esperan que alguén vaia sacar os seus seres queridos.
Crece tamén a indignación pola calidade das construcións, tras ver que caeron edificios novos que debían estar preparados para os sismos.
A xustiza ordenou a detención de máis de 130 construtores, aínda que o certo é que o propio Goberno indultou construcións ilegais a cambio de multas económicas.