A oncoloxía de precisión podería curar o 70 % dos cancros en 2030
A oncoloxía de precisión podería curar o 70 % dos cancros en 2030
Expertos de toda España participan en Vigo no V Simposio Nacional de Oncoloxía de Precisión
Pídenlle ao sistema de saúde unha carteira de biomarcadores que lles permita seleccionar tratamentos personalizados
Curar o 70 por cento dos doentes de cancro é o obxectivo de oncólogos e investigadores para 2030, é dicir, en sete anos.
A oncoloxía de precisión é clave para conseguilo, xunto ao diagnóstico precoz, segundo explicaron na presentación do Simposio Nacional de Oncoloxía de Precisión que se celebra en Vigo.
Os organizadores pídenlle ao sistema de saúde que proporcione as ferramentas para que os profesionais poidan elixir os tratamentos máis precisos, e que facilite o acceso aos fármacos máis innovadores en todas as autonomías.
"Temos necesidades como a implementación dunha carteira de biomarcadores igual en todo o sistema", dixo Martín Lázaro, presidente da Sociedade Oncolóxica de Galicia.
"Estes biomarcadores permítennos seleccionar o mellor tratamento para cada doente en cada momento da evolución da enfermidade. É o que se chama tratamento personalizado, grazas aos cales estamos obtendo supervivencias nunca vistas", explicou Sergio Vázquez, un dos
coordinadores científicos do simposio.