Só se poderán pedir baixas covid cando haxa PCR ou proba de antíxenos positiva
Só se poderán pedir baixas covid cando haxa PCR ou proba de antíxenos positiva
Recoméndase o teletraballo para os contactos de positivos ou os que teñan síntomas compatibles coa enfermidade
A partir de agora, para obter unha baixa por covid "será imprescindible confirmar o diagnóstico cunha proba de infección activa positiva. Pode ser un PCR ou un test rápido de antíxenos.
Así consta na última actualización "Procedemento de actuación para os servizos de prevención de riscos laborais fronte á exposición ao Sars-Cov-2" publicada polo Ministerio de Sanidade.
Nela establécese ademais que o servizo de prevención debe elaborar un informe para que quede acreditada a indicación de teletraballo ou baixa en determinados supostos.
Estes supostos son:
- Traballadores que sexan contacto estreito: unha vez acordada pola Comisión de Saúde Pública a eliminación da corentena para os contactos estreitos dun positivo "non se deberán emitir partes de baixa por incapacidade temporal por contacto/sospeita de exposición COVID-19. Si pode ser necesaria a realización de probas de seguimento entre os traballadores relacionados con ámbitos vulnerables".
- Traballadores con síntomas compatibles: os que non teñan relación con ámbitos vulnerables, sempre que sexa posible e no caso de que non sexa susceptible dunha incapacidade temporal pola súa sintomatoloxía, aconséllase o teletraballo ou readaptación do posto de traballo para evitar a interacción con grupos vulnerables. Cos que si están relacionados con estes grupos "é necesaria a realización de PCR".
- Traballadores confirmados: igualmente que o grupo anterior, se non están relacionados con ámbitos vulnerables e non requiren de baixa, recoméndase o teletraballo ou readaptación do posto; pola contra, os que si teñan ese vínculo, e os que prestan apoio e coidados a persoas vulnerables, "non acudirán ao seu centro de traballo".
- Traballadores con especial sensibilidade á infección de coronavirus SARS-CoV2: indicarase incapacidade temporal se non existe posibilidade de teletraballo, adaptación do posto de traballo, protección adecuada que evite o contaxio ou recolocación noutro posto exento de risco de exposición.
Ademais, o documento elimina dous dos factores que os servizos de prevención debían avaliar á hora de asesorar sobre o uso de máscaras nos traballos: as condicións de temperatura e humidade relativa, e os medios de transporte particular compartidos.
Desta forma, agora só terán que analizar a ventilación adecuada, o nivel de ocupación, o mantemento da distancia interpersoal de 1,5 metros, o tempo de permanencia, a actividade, a utilización de espazos comúns (vestiarios, comedores) e a existencia de persoas vulnerables no posto de traballo.