A patronal do transporte reclama a revisión dos contratos públicos antes de final de ano
A patronal do transporte reclama a revisión dos contratos públicos antes de final de ano
Patronal e sindicatos pactaron unha suba salarial que evitou a folga indefinida no transporte de viaxeiros prevista desde este luns
O presidente de FEGATRANS, Carlos García Cumplido, explica que outras comunidades autónomas teñen contratos asinados con cláusulas de revisión
O transporte de viaxeiros funciona este luns con normalidade en Galicia, tras desconvocarse in extremis a folga indefinida que debía comezar este luns. Sindicatos e patronal chegaron a un acordo esta fin de semana que foi referendado a última hora de onte polas asembleas de traballadores, aínda que a aprobación foi por unha estreita marxe.
O acordo centrouse na suba salarial, fixada nun 12 por cento para este ano e un incremento para 2024 vinculado ó IPC real. A suba comezará a aplicarse a finais de ano e a patronal insiste en que será inasumible para moitas empresas se o Goberno central non habilita un mecanismo legal que permita cambiar os prezos dos contratos públicos vixentes.
"Entendemos que cando este acordo entre en vigor o problema que tiñan as empresas de graves perdas que se arrastran de covid vaise ver agravados e teremos unha situación moi complexa salvo que se acometa unha revisión dos contratos públicos e tamén doutros contratos", explicaba no Galicia por diante o presidente de FEGATRANS, Carlos García Cumplido.
Cumplido explicou tamén que o problema que se dá en Galicia non o teñen nalgunhas Comunidades Autónomas, onde os contratos se asinaron con cláusulas de revisión.
A partir de agora, patronal e sindicatos volverán á mesa para negociar outros aspectos dos convenios que quedaron no aire, como a reorganización das xornadas laborais. As centrais buscan tamén un convenio único para toda Galicia, pero Cumplido entende que "as circunstancias de cada provincia son diferentes e por iso hai catro convenios".