Publicador de contidos
Publicador de contidos

A patronal galega cifra en 400 millóns de euros o impacto directo da guerra

A patronal galega cifra en 400 millóns de euros o impacto directo da guerra

O presidente da CEG considera que os sectores gandeiro, agrícola e conserveiro son os máis afectados 

Juan Manuel Vieites aposta pola moderación salarial na negociación que abren mañá Goberno e axentes sociais

Amósase preocupado polo risco de que Stellantis Vigo non capte novos modelos pola repartición dos fondos europeos

G24.gal 06/03/2022 09:06

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, estima nuns 400 millóns de euros o impacto directo que a guerra de Rusia en Ucraína pode supoñer para o tecido produtivo galego.

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, da Radio Galega, Vieites considera que o sector gandeiro e o de cooperativas agrícolas son os máis afectados por dependeren do abastecemento de cereal -do que Ucraína é un dos principais importadores- pero tamén o conserveiro e o de elaboración industrial de produtos do mar, polo aceite de xirasol.

No caso de que o conflito bélico se prolongue no tempo, Vieites aposta por buscar alternativas. 

"O ataque bélico de Rusia a Ucraína fai perigar preto de 400 millóns de euros con Galicia, á marxe do impacto indirecto da factura da luz nos fogares, nas empresas, de todo o que é a política enerxética. E Galicia podería verse afectada polas sancións ou restricións comerciais". 

Negociación entre o Goberno e os axentes sociais

Na véspera da reunión entre o Goberno e os axentes sociais para tratar de impulsar un pacto bilateral de rendas, o presidente da patronal galega aposta pola "moderación salarial".

Juan Manuel Vieites dise defensor do diálogo social pero entende que no contexto económico actual o máis acaído, fronte a subas do 5 por cento que propoñen algúns sindicatos -segundo apuntou- sería ir a unha suba de entre o 2,5 e o 3 por cento. 

Stellantis e Ence

O presidente da patronal galega tamén amosou a súa preocupación pola situación de Stellantis en Vigo e a repartición dos fondos europeos de recuperación destinados á automoción.

Tras negar o conselleiro delegado da multinacional, que o presidente do Goberno se dirixira a Stellantis para implantar unha xigafactoría de baterías para coches eléctricos en territorio nacional, Vieites criticaba a falta de coordinación do Executivo co sector da automoción española.

Non só iso, senón que Vieites admite preocupación por que finalmente a factoría de Vigo non opte a novos modelos se a repartición de fondos non é axeitada, risco que Stellantis, asegura o presidente da CEG, así transmitiu.

"Así nolo fan saber dende a propia compañía. Nós estamos moi preocupados porque iso crea incerteza no sector industrial, empresarial, na propia comunidade autónoma e tamén nos traballadores e creo que non é o camiño que o Goberno debería seguir para intentar pacificar unha produción normal". 

Sobre o futuro de ENCE en Galicia, Vieites di que "todos deberiamos traballar na posibilidade de mantemento de ENCE en Galicia". Alude aos postos de traballo que crea e ao cumprimento da normativa ambiental para soster esa defensa ao tempo que considera unha posible vía de solución "a modificación da zona do servizo do porto de Marín e incluír a parcela na que está Ence". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade