Publicador de contidos
Publicador de contidos

A patronal galega considera unha liña vermella a cláusula de revisión salarial esixida polos sindicatos

A patronal galega considera unha liña vermella a cláusula de revisión salarial esixida polos sindicatos

O presidente da CEG insiste na necesidade de moderación salarial no actual contexto económico

Juan Manuel Vieites cre que os sindicatos insisten nunha "tediosa negociación" á que non lle ve visos de frutificar

O presidente da patronal galega aféalle á ministra de Traballo a súa presenza nas manifestacións do primeiro de maio 

Vieites apunta que Altri en Palas de Rei podería supor o 10 % do PIB lucense pero apela á prudencia pola incerteza na repartición dos fondos Next Generation

G24.gal 01/05/2022 10:09

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia -CEG- , Juan Manuel Vieites,  insiste en defender a moderación salarial nun contexto de incerteza económica. Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, co gallo do primeiro de maio, Vieites di compartir as reivindicacións dos sindicatos de "subir salarios" e "conter prezos" pero aposta por facelo dentro do "diálogo social". O que xa marca como liña vermella para a patronal é a esixencia das centrais sindicais de incorporar "cláusulas de revisión salarial"

"Ante as mobilizacións previstas para o día de hoxe penso que as centrais sindicais poñen o foco nunha tediosa negociación que ten poucos visos de frutificar toda vez que a patronal considera que é unha liña vermella esta incorporación de cláusulas de revisión salarial".  

Vieites tamén admite preocupación tras o aviso dos sindicatos dun aumento de conflitividade se a patronal non acepta esas cláusulas de garantía salarial. Algo que cualifica de "chantaxe" e que lle dá pe para insistir na necesidade dun "pacto de rendas". 

"Preocupa, por iso a necesidade dun pacto de rendas neste contexto. Elevar a conflitividade nos centros de traballo e a ameaza que está a facer todo isto sempre estamos a denunciar que se considera isto unha chantaxe". 

A presenza da vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, nas manifestacións deste primeiro de maio non lle agrada ao presidente da patronal galega ao entender que é unha demostración de estar a prol dunha das partes da negociación do diálogo social. 

"Está tomando partido por unha das partes da negociación do diálogo social. É unha persoa moi afín aos sindicatos, ela mesma é de Comisións Obreiras. Dende o noso punto de vista non nos parece a maneira máis equilibrada de facer política". 

Altri en Palas

O presidente da patronal galega valora positivamente a posible implantación no concello lucense de Palas de Rei da factoría Altri de fibras téxtiles a partir da madeira. Mesmo di que as cifras do proxecto apuntan a que podía supor o dez por cento do produto interior bruto da provincia de Lugo. Con todo, Vieites apela á prudencia porque ese proxecto depende dos fondos europeos de recuperación Next Generation e a súa repartición por parte do Goberno -apuntaba -está sendo a "contagotas". 

"As cifras apuntan a que a implantación da fábrica xerará o 10 por cento do PIB lucense" 

Juan Manuel Vieites tamén amosou a súa preocupación por Stellantis Vigo e os PERTE (Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica) da automoción. Insiste na necesidade de buscar "medidas oportunas" para que a factoría de Balaídos siga traballando e non free a produción. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade