A patronal galega tacha de "lamentable e rocambolesca" a votación da reforma laboral no Congreso
A patronal galega tacha de "lamentable e rocambolesca" a votación da reforma laboral no Congreso
O presidente da CEG salienta que o acordo da reforma laboral foi ben valorado polos investidores e pide que non se instrumentalice ideoloxicamente
Juan Manuel Vieites considera que agora non toca subir o Salario Mínimo Interprofesional aínda que entende que se aborde no marco do diálogo social cara ao futuro
O presidente da patronal galega opina que non se pode vincular inflación con salarios
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia -CEG-, Juan Manuel Vieites, considera "lamentable e rocambolesca" o acontecido o xoves no Congreso coa votación do Real Decreto da Reforma Laboral. Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, Vieites -malia admitir que non lle gusta moito algunhas das cousas modificadas- defendeu a reforma ao asegurar que se "axusta ao momento económico e político" e no que se primou o diálogo social. Así mesmo entende que "o acordo foi ben valorado polos investidores e hai que evitar a instrumentalización ideolóxica e intentar facer pedagoxía coas medidas".
"Foi lamentable, unha rocambolesca situación que se axusta ao momento político e ben, é unha reforma que para nós había que trocar algunhas cousas e non nos gusta moito pero que se axusta ao momento político e económico actual".
Suba SMI e revalorización salarial
O presidente da CEG tamén opina que non é momento de acometer unha suba do Salario Mínimo Interprofesional -SMI-. Cuestionado pola convocatoria da Ministra de Emprego para este luns a sindicatos e patronais maioritarias para discutir un novo incremento do SMI este ano, Vieites é rotundo ao asegurar que "non toca". Con todo di que de cara ao futuro todo se pode abordar no marco do diálogo social.
"Temos que ser cautelosos porque se non todas esas incertezas que comentaba coa recuperación económica pois seguirá perdendo forza e eu penso que o emprego aí sufrirá unha crise maior e temos riscos de que isto se poida producir. Polo tanto non toca neste momento abordar, si de cara ao futuro e sempre dentro do acordo do diálogo social".
Respecto á revalorización salarial, Vieites considera inoportuno trasladar a inflación aos salarios. Considérao un "risco", xulga fundamental "evitar esta espiral de prezos -salarios". Propón unha suba dun 2,5 ou 3,5 por cento, que cualifica de "asumible neste momento" pero en función do tipo de sector e da recuperación.
Conflito da conserva
Vieites, que tamén é secretario xeral de ANFACO-CECOPESCA (asociación nacional de fabricantes de conservas e pescados) tamén se referiu ao conflito da conserva e aos incidentes rexistrados na última xornada de folga. Vieites falou de "situación lamentable" e de "brutalidade" por parte dalgún sindicato que non citou. Insistiu en que a patronal seguirá mantendo a aposta polo diálogo