A patronal galega urxe a rebaixar a fiscalidade para non atrasar a recuperación
A patronal galega urxe a rebaixar a fiscalidade para non atrasar a recuperación
O presidente da Confederación empresarial galega defende a proposta da CEOE na negociación do Pacto de Rendas
Juan Manuel Vieites asegura que o tecido produtivo galego está "preocupado" ante a alza inflacionista
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, avoga na Radio Galega por acometer cambios na fiscalidade ou do contrario agoira o atraso da recuperación económica. Nunha entrevista no Galicia por Diante fin de semana, Vieites cualifica como "fundamental" a fiscalidade.
"A fiscalidade é un tema fundamental -o IRPF e outras medidas fiscais- ten que actuarse de maneira inmediata; é que realmente, con vistas ao futuro, se non se fai non o imos pasar ben. E, sobre todo, vaise atrasar de maneira clara e contundente o que é a recuperación económica".
O presidente da patronal galega insiste na moderación salarial no actual contexto. Refírese, deste xeito, ao resultado da última reunión para negociar o denominado Pacto de Rendas entre sindicatos e empresarios en que a patronal ofrece unha suba do 8 % en tres anos, pero rexeita a indexación ao IPC como queren as centrais.
Vieites asegura que "hai que subir os salarios pero con moderación" xa que, na súa opinión, os salarios teñen que acomodarse á situación.
"Penso que a proposta que fai a patronal, a CEOE, está en non perder o poder adquisitivo subxacente do IPC e con iso intentariamos buscar ese acomodo para que os traballadores no perdesen poder adquisitivo".
Así mesmo, o presidente da CENG insiste en que "a prioridade é combater a inflación" e admite "preocupación" e "moitas incertezas" no tecido produtivo galego pola deriva dos prezos.