Publicador de contidos
Publicador de contidos

A patronal pontevedresa cifra nun 23% a suba dos custos das pemes no primeiro trimestre do ano

A patronal pontevedresa cifra nun 23% a suba dos custos das pemes no primeiro trimestre do ano

O presidente da CEP insta os executivos central e europeo a adoptar medidas coordinadas para evitar incerteza

Jorge Cebreiros dise escéptico ante medidas que "limitan"ou "controlan" os mercados porque adoitan ter efecto rebote 

G24.gal 18/06/2022 10:13 Última actualización 18/06/2022 11:11

O presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra -CEP-, Jorge Cebreiros, cifra nun 23 por cento o encarecemento dos custos totais das pemes -pequenas e medianas empresas- no primeiro trimestre do ano. Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, Cebreiros asegurou que neses custos inclúense dende as subministracións -afectadas por unha crise na cadea loxística pola situación do sueste asiático e lastrada pola pandemia-, e os encarecementos enerxéticos e laborais entre outros. 

"Neste primeiro trimestre cífrase nun 23% a suba dos custos totais nas pemes, que somos o 97% de todas as empresas que hai neste país". 

Cebreiros amosouse "escéptico" coas medidas -dixo- que limitan ou queren controlar os mercados e puxo como exemplo a bonificación dos 20 céntimos por litro de combustible ou o tope aos alugueiros. Dixo que nos comezos das aplicacións adoitan carrexar efectos rebote nos mercados. 

O presidente da patronal pontevedresa insta os gobernos central e europeo a acordar "medidas claras" para atallar esta situación porque di que as voces "discordantes" xeran incerteza. 

"Cremos que a fórmula dos 20 céntimos para todo o mundo posiblemente foi unha solución no seu momento, unha medida que había que aplicala pero demostrouse que hai que mellorala. O que subxace de fondo de todo e iso é o que preocupa aos empresarios é que as voces sexan discordantes. Nestes momentos necesitamos gobernos, e non só me refiro á Administración central, senón ao Goberno de Europa que nos trasladen criterios claros, medidas claras".  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade